Eliminan no Concello de Portas un punto de vertedura de augas residuais ao río Chaín

A orixe da vertedura era unha rede de evacuación de augas pluviais con conexións de augas residuais xeradas en varias vivendas da zona.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2022 | Actualizada ás 12:26

Comparte esta noticia

A Xunta comunicou a eliminación dun punto de vertedura de augas residuais cara ao río Chaín, na parroquia de San Cristovo de Briallos, no concello pontevedrés de Portas.

Segundo trasladou a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade nunha nota de prensa, este foco foi localizado no marco das inspeccións rutineiras levadas a cabo polos técnicos do Plan de Control de Verteduras, dependente de Augas de Galicia.

Deste xeito, os inspectores desprazados á zona identificaron a orixe da vertedura nunha rede de evacuación de augas pluviais con conexións de augas residuais xeradas en varias vivendas da zona. Así, procederon a tomar mostras e a analítica mostrou contaminación no punto inspeccionado.

Nese momento, Augas de Galicia notificoulle a situación ao Concello de Portas para que adoptase as medidas necesarias para arranxar o foco contaminante.

Posteriormente, nunha nova inspección, os técnicos da Xunta verificaron que as actuacións realizadas polo concello na zona permitiron o cesamento do foco e a emenda da vertedura.

Río Chaín
Río Chaín | Fonte: Google Maps

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta