A Xunta quere converter baixos comerciais en vivendas porque "hai moitos que están pechados"

Estuda cambiar as normas de habitabilidade en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/04/2022 | Actualizada ás 11:57

Comparte esta noticia

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda levou este martes ao Observatorio da Vivenda de Galicia un informe para modificar as normas de habitabilidade na comunidade e converter baixos baleiros en vivendas.

Segundo relatou a conselleira Ángeles Vázquez, "moitos baixos nas cidades" atópanse pechados nestes momentos porque "non hai demanda do comercio". Ante esta situación , a titular de Vivenda argumentou que a consellería "algo tiña que facer respecto diso", polo que se creou unha comisión na que están presentes técnicos do Instituto de Vivenda e Solo e do Colexio de Arquitectos e, así, este martes trasladaron ao Observatorio un informe para modificar as normas de habitabilidade en Galicia.

En todo caso, explicou que este cambio de norma non significa "que cambien as condicións dentro da vivenda", pero si pretende salvar "certos banzos" que, asegurou, "non facían posible que eses baixos se convertesen en vivendas". Nese sentido, puxo como exemplo "a protección de vistas" e o espazo que hai que deixar para poder considerar vivenda.

Así mesmo, Vázquez sinalou que esta modificación non se pode realizar "de maneira indiscriminada" nin pode ser "en todos os sitios". Por iso, avanzou que tenderán a man aos concellos para que "poidan ter un anexo e eles mesmos delimiten as zonas nas que non haxa que ter esa protección de vistas, por exemplo, para unha cociña". A pesar disto, valorou que "iso non quere dicir que non haxa intimidade", pero recoñeceu que "non ten sentido ter tantos baixos en certas cidades que estean baleiros" e non se poidan converter en vivenda.

Carteis de aluguer de vivenda. EUROPA PRESS - Arquivo
Carteis de aluguer de vivenda. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta