En Galicia lese pouco no tempo libre

Cando hai unha semana estiven en Donosti participando do Galeúsca de editores, pasronsenos aos participantes algúns datos deses fríos, estatísticos, xélidos e metálicos, sobre os hábitos de lectura nos distintos lugares do estado español.

Por Francisco Castro | Vigo | 28/06/2014

Comparte esta noticia
A verdade é que quedei moi frustrado ao constatar o pouco que os galegos e galegas lemos no noso tempo de lecer. Diante da media do estado, que está no 59'1 por cento das persoas que len no seu tempo libre, é dicir, por pracer, é dicir, porque lles peta, é dicir, porque teñen o hábito de encher o seu tempo real (non o do traballo, non o dos atafegos familares, etc. ) lendo, resulta que en Galicia esa porcentaxe baixa ata o 55'20 por cento. Diredes: pois non é tanto. E si, si que o é. Sobre todo porque cataláns e vascos superan claramente a media española (59'30 e 60'60, respectivamente) e outros, coma os valenciáns, supérannos tamén a nós (56'80). Ou dito doutro xeito: se comparamos os hábitos lectores das persoas que vivimos nos lugares onde se fala unha lingua propia distinta do castelán, os galegos e as galegas somos os que peor parados saímos no noso comportamento fronte do libro.
 
O dato é importante e debería de ser tido moi en conta polos encargados de deseñar as políticas, en xeral, mais, tamén, polos responsables de deseñar as políticas culturais que afectan a este país.
 
Porque un dos indicadores da calidade de vida dun lugar do mundo ten que ver co número de libros que se len, coa cantidade de horas que os cidadáns e cidadás destinan a esa actividade que só ten beneficios e cuxa ausencia só ten prexuízos. E isto é algo moi importante que, como digo, adoitan esquecer os que nos gobernan, máis centrados, en especial dende que comezou a crise, en facernos crer que unha boa política é aquela que ten que ver coa conta dos resultados (tampouco é tan difícil que che saian ben as contas se deixas de gastar en case que todo, sobre todo en asuntos sociais). A calidade de vida, o benestar, a saúde dun colectivo, ten que ver, tamén, co que se le. E co que se le fóra da prescrición educativa. Aquilo que se le porque si, porque está incorporado  como un hábito saudable sen o que resulta imposible vivir.
E aí, os galegos e as galegas estamos moi por debaixo de todas as medias.
 
Cómpre, xa que logo, unha actuación política decidida por parte de quen ten que tomar as decisións e desenvolver accións e programas que animen, promovan, coidan e espallen a lectura entre o conxunto da poboación. E, obviamente, con imaxinación e que vaian máis aló da publicidade en vallas pola rúa ou pagando follas de periódico. Cómpre aliarse cos mediadores, cos que están a pé de campo traballando coa rapazada, cos bibliotecarios, e, claro que si, cos profesionais do mundo do libro.
 
A non ser, claro, que nos deamos por satisfeitos con niveis tan baixos como os que vimos de comentar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro