Ex presos políticos piden a retirada de distincións a militares franquistas de Ferrol

O Colectivo de presas e presos políticos de Ferrol na ditadura pide que se cumpran os acordos plenarios.

Por Galicia Confidencial | Ferrol | 22/04/2022 | Actualizada ás 21:35

Comparte esta noticia

O Pleno de Ferrol do pasado 31 de marzo aprobaba unha moción, a iniciativa do colectivo de presas e presos políticos de Ferrol na ditadura e sen ningún voto en contra (voto a favor do PSOE, Ferrol en Común e BNG, abstención do PP) para retirar a distinción de Fillo Predilecto de Ferrol a Salvador Moreno Fernández e José María González-Llanos y Caruncho, así como a estatua que ten na rotonda do barrio de Esteiro. Un acordo que non se fixo efectivo e que insiste en que se cumpra o Colectivo de presas e presos políticos de Ferrol.

O militar franquista Salvador Moreno, que acabou coa vida de milleiros de civís desde o acoirazado Canarias durante a Guerra Civil
O militar franquista Salvador Moreno, que acabou coa vida de milleiros de civís desde o acoirazado Canarias durante a Guerra Civil

Nesa mesma iniciativa se lle pedía ao Ministerio de Defensa que as rúas alternativas para o Arsenal sexan as apoiadas polos militares asinantes do Manifesto en contra do franquismo nas Forzas Armadas e tamén retirar da igrexa castrense de San Francisco a placa de homenaxe da Armada ao Cruceiro Baleares.

Ademais instabase ao goberno municipal a que realice xestións co bispado de Mondoñedo-Ferrol para retirar da igrexa de San Francisco a cruz dos “Caídos por Dios y por España”, así como a placa nesa igrexa con referencia ao bautismo do “Generalísimo”. E, finalmente, se pedía ao goberno municipal para que solicite ao Ministerio de Defensa que os restos de Salvador Moreno Fernández e Francisco Moreno Fernández sexan retirados do Panteón de Mariños Ilustres de San Fernando (Cádiz).

"Asistimos a un revisionismo histórico e a un branqueo das biografías. Aí está, como mostra, a escultura de Camilo Alonso Vega, sinónimo de represión para as demócratas e presas políticas, pero que aínda luce nunha estatua en Ferrol as credenciais de 'Hijo Ilustre de la ciudad. Soldado heroico. Gobernante ejemplar. Paradigma de lealtades y generoso benefactor'", denuncia o Colectivo de presas e presos políticos de Ferrol na ditadura.


Así, lembra que  as persoas que participaron ou apoiaron a sublevación fascista de 1936 contra un goberno democrático, como é o caso de Salvador Moreno Fernández e José María González Llanos y Caruncho, "non poden manter rúas, distincións honoríficas ou estatuas porque sería un desprezo ás vítimas do franquismo, un claro incumprimento de acordos plenarios de Ferrol desde hai máis de 40 anos, das Ordes e Resolucións do Ministerio de Defensa e da Lei de Memoria Histórica".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta