A cultura galega e o Gaiás

Naqueles anos da abundancia, baixo o goberno de Fraga Iribarne comezaron a erguer os enormes edificios do monte Gaiás.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 29/06/2014

Comparte esta noticia
O arquitecto máis famoso, as lousas máis caras –esnaquizando unha zona protexida-, o proxecto máis grandioso, as dimensións máis extravagantes: todo parecía xustificado para construír a Cidade da Cultura. Esta obra inacabada figura hoxe como un dos principais exemplos da incompetencia e o desgoberno. Millóns de euros –subtraídos do erario público- foron enterrados nesta obra innecesaria, excesiva e absurda, concibida para maior honra e gloria do seu promotor. Cando chegou o tempo das vacas fracas ninguén parou a tempo este despropósito pero recortaron sen pudor os orzamentos da sanidade, da educación e da cultura.
 
Mentres a cultura galega pasa grandes dificultades (a industria editorial, o teatro, o cinema), e o noso idioma esmorece abandonado pola Administración(cando non desprezado e atacado desde o propio poder), naquel monte preto de Santiago érguese, como un monumento ao desatino, a inacabada Cidade da Cultura. Nos tempos da dilapidación os políticos gobernantes deixáronse levar pola megalomanía, sen prever a grave carga que deixaban aos seus herdeiros.  
 
O gran proxecto de Fraga, iniciado en 2001 e promovido polo seu valido Pérez Varela, que ía “poner a Galicia en el mapa de Europa y la modernidad”, levounos en realidade ao baleiro e á ruína. Porque agora a Xunta, que xa mandou parar as obras (cando quedan aínda dous edificios por construír), non sabe que facer con este inútil mausoleo. Gastou neste proxecto faraónico máis de 400 millóns, o triplo do previsto, e só abrir as portas desta enorme desmesura  custa cada día 27.000 euros. Cantas bibliotecas públicas se poderían dotar, cantos libros editar, cantas películas promover con todo ese diñeiro derramado! 
 
O Gaiás é o paradigma dunha forma de entender a cultura. As autoridades constrúen un desmesurado  recinto onde se expoñerán os grandes eventos chegados de fora. A cultura como espectáculo, como celebración ocasional, como divertimento das elites. Pero hai outra forma de entender a cultura: como creación popular, como elemento da vida cotiá que nos perfecciona como persoas, como  construción colectiva que nos axuda a ser pobo, como industria diversa e plural que favorece a creación de riqueza. Para isto non hai cartos. Para levantar e manter o enorme despropósito do Gaiás, si. Algúns representantes do mundo audiovisual xa o advertiron:  “No sector cultural estase a facer un ERE multitudinario do que ninguén se preocupa”.
 
Mentres pechan bibliotecas e xornais, mentres as empresas editoriais teñen serias dificultades para continuar o seu labor, mentres os cineastas, os músicos e todos aqueles que se dedican a calquera actividade cultural ou artística vense abandonados pola Administración (que non facilita o trabalo nin aporta recursos que apoien a creatividade do propio país) os edificios do Gaiás permanecen como os restos dunha civilización, como aquelas ruínas que se vían  no final da película “O planeta dos simios”. http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.