'Boicot' a Movistar

Mobilización a prol de Álex Marque para acudir á marcha ciclista organizada polo equipo profesional o 13 de xullo en Compostela con camisolas amarelas de apoio ao ciclista estradense.

Por gcdeportes | Compostela | 25/06/2014 | Actualizada ás 10:02

Comparte esta noticia

O mesmo día que saltou a nova da investigación aberta a Álex Marque por unha infiltración de betametasona na Volta a Portugal que gañou no 2013, o Movistar Team, sen agardar á resolución do expediente pola Unión Ciclista Internacional, rescindiu o contrato co estradense.

Un afeccionado, con Álex Marque e Iván Raña, este mes no Trofeo Concello de Oliveira en Portugal.
Un afeccionado, con Álex Marque e Iván Raña, este mes no Trofeo Concello de Oliveira en Portugal.

O ciclista galego, unha e outra vez, repetiu o mesmo: que tiña permiso dos médicos do club para infiltrarse pola dor no seu xeonllo e que non está sancionado, que pode correr. De feito, despois de seis meses e canso de agardar por unha decisión que non chega, este mes Álex Marque volveu competir en Portugal no Supermercados Froiz con licenza do Club Ciclista Estradense.

Os actos de apoio en Galicia a Álex Marque dende aquel 13 de decembro en que se parou a carreira do estradense son constantes. E veñen máis: a Plataforma de apoio a Álex Marque fai un chamamento a boicotear a marcha ciclista que o seu ex-equipo (aínda está pendente o xuizo polo despedimento) ten anunciada para o vindeiro domingo 13 de xullo en Compostela.

A plataforma pide aos afeccionados galegos que acudan á cita, pero sen inscribirse na proba, coas camisetas amarelas de Apoio a Alex Marque Porto, para deste xeito amosar a disconformidade co proceder do Movistar Team. Iso si, o grupo de apoio ao ciclista galego deixa claro que ten que ser “algo totalmente pacífico”, e só co fin de encher o evento de camisolas amarelas. Segundo anuncia o Movistar Team na súa web, á marcha acudirán o mediático Perico Delgado e varios ciclistas do equipo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta