Regresa o Delas Fest, regresa a arte feminista á rúa

O festival realizou unha intervención artística en Teo para comunicar que se volverá celebrar entre o 6 e o 21 de xuño.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/04/2022 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

A cuarta edición do festival feminista de arte urbana e contextual Delas Fest, organizado por 7H Cooperativa Cultural na comarca de Compostela, celebrarase entre o 6 e o 21 de xuño de 2022. Para festexar a continuidade do proxecto, que este ano renova o seu formato, e reivindicar os valores a prol da igualdade e de apego ao territorio que o sosteñen, a súa equipa promotora realizou unha intervención artística no local do Fogar do Santiso, en Teo.

Mural da cuarta edición do Delas Fest en Teo
Mural da cuarta edición do Delas Fest en Teo | Fonte: Delas Fest

A actividade, xurdida da colaboración entre o Delas Fest, o grupo de restauración teense e a empresa catalá Montana Colors, plasma o espírito do festival a través dun mural centrado na visibilización e reivindicación do rol feminino na identidade e benestar da comunidade local. O deseño da peza, protagonizada pola forza e o traballo da muller no rural a través da mirada dunha labrega, realizouse de forma colaborativa a partir da recollida de ideas entre o persoal traballador do Fogar do Santiso, que ofreceu a parede na que se realizou a obra.

UN FESTIVAL ITINERANTE

Segundo explica a organización, a cuarta edición do Delas Fest marcará unha "nova etapa na historia do proxecto", nado en 2019 co obxectivo de contribuír á construción de espazos colectivos de deliberación e experimentación con perspectiva de xénero e combater as desigualdades presentes no sector.

Consolidado como unha das citas de referencia no circuíto galego de arte urbana grazas ao apoio da Deputación da Coruña e dos concellos de Santiago, Ames, Teo e Brión, así como ao patrocinio de Montana Colors, Ibersa-El Mundo del Pintor e Gadis, o festival presenta este 2022 un novidoso formato. Nesta ocasión, as actividades, que volverán estar integradas por catro intervencións artísticas, obradoiros de creación e xuntanzas de convivencia entre veciñanza e creadoras, realizaranse en simultáneo en dous municipios á vez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta