Un paso máis para o plan de xestión propio da reserva da biosfera transfronteiriza Xurés-Gerês

O obxectivo é converter este espazo nun "referente de cohesión social, prosperidade económica e conservación do patrimonio"

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/04/2022 | Actualizada ás 20:28

Comparte esta noticia

A Xunta iniciou a tramitación para dotar á reserva da biosfera transfronteiriza Xurés-Gerês dun plan de xestión propio. O Diario Oficial de Galicia publicou a semana pasada o anuncio polo que somete a participación pública o documento preliminar, redactado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Serra do Xurés
Serra do Xurés | Fonte: Xunta de Galicia.

A Consellería trasladou que o obxectivo deste plan, cun primeiro horizonte entre 2022 e 2025, é converter este espazo, de case 260.000 hectáreas compartidas entre Galicia e o Norte de Portugal, nun "referente de cohesión social, prosperidade económica e conservación do patrimonio natural e cultural nos próximos anos".

Así, con base nos obxectivos das reservas da biosfera definidos no programa sobre o Home e a Biosfera (MaB) e o Plan de acción de 2015-2020, préstase especial atención ás cuestións comúns relacionadas coa conservación e xestión dos recursos naturais e aos retos de desenvolvemento socioeconómico e sustentable, dando prioridade "ás actuacións de carácter transfronteirizo e de cooperación entre ambas as rexións".

Por outra banda, a Consellería asegurou que outro dos grandes obxectivos é garantir a participación e integración social da comunidade e dos actores da reserva, para facelos copartícipes das decisións e protagonistas dos resultados obtidos e, desta maneira, apostar por foros nos que se dea cabida ás poboacións e outros axentes que interveñen neste territorio, así como apoiar proxectos que apliquen o modelo integrado de desenvolvemento sustentable.

A Xunta informou de que este plan estará exposto ao público en xeral durante un mes, e en particular para os veciños dos concellos de Calvos de Randín, Muíños, Lobios, Entrimo, Lobeira e Bande, para dar a coñecer o contido desta ferramenta que pretende "equilibrar os usos e a conservación dos valores deste espazo natural".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta