As medalleiras de Santiago piden recuperar os seus postos na contorna da Catedral

Denuncian unha situación "economicamente insustentable" dende que o Concello as recolocou noutros lugares de menos tránsito.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/04/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

As históricas medalleiras e artistas de rúa de Santiago de Compostela realizaron este xoves unha xornada de protesta na praza do Obradoiro para esixir seren recolocadas nos seus antigos lugares de traballo. Segundo denuncian, os cambios na venda ambulante que aplicou o Concello de Santiago no 2021 expulsou estas vendedoras a outros lugares con menos tránsito de persoas ou con "condicións insalubres para traballar". 

Protestas das medalleiras na Praza do Obradoiro
Protestas das medalleiras na Praza do Obradoiro | Fonte: Cedida

"Esta situación", critican nun comunicado, "é economicamente insustentable, xa que non cubrimos gastos, e pese tentar negociar durante un ano cos responsables do Concello de Santiago, nunca nos atenderon nin mostraron un chisco de consideración polos nosos problemas". Por iso, medalleiras e artistas piden seren recolocadas nas súas históricas localizacións ou noutros lugares semellantes onde "poder prosperar co noso modo de vida tradicional en Santiago".

Ademais, estas traballadoras advirten unha "flagrante discriminación" con respecto a outros traballadores e actividades que si continúan nos lugares negados para as medalleiras, como son os trens turísticos ou os vendedores de antigüidades. A iso suman outro "golpe de graza á insustentable situación" que atravesan: os cortes de tráfico para a realización de obras na praza da Inmaculada, unha das súas novas localizacións. "Atopámonos", resumen, "con moitas máis trabas para instalar os nosos postos".

Por todo isto, unha representación de artistas e de medalleiras veñen de realizar unha protesta na Praza do Obradoiro onde esixiron seren escoitadas e recibidas polo Concello de Santiago.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta