Por Galicia Confidencial | A Coruña | 28/06/2014 | Actualizada ás 15:00
Eduardo Madina elixiu A Coruña para o seu acto como candidato do PSOE no que insistiu en que, con estas eleccións internas, o partido "dá exemplo" e debe "renovarse e evitar os erros cometidos no congreso de Sevilla hai máis de dous anos".
"Debemos saír unidos na defensa dun proxecto común para o próximo ano e medio que ten citas electorais moi importantes nas que o país se xoga enormemente o seu futuro", dixo en declaracións aos medios.
Quen pasa por ser un dos candidatos dun sector do PSOE, considerou que o feito de que haxa outros dous aspirantes é "unha boa imaxe do funcionamento democrático", mellor que "os cadernos azuis e o dedazo de Aznar ou Rajoy" e pide unidade "na defensa dun proxecto común" tras o proceso electoral interno.
Madina competirá con Pedro Sánchez e José Antonio Pérez Tapias para chegar á Secretaría Xeral do PSOE. Por iso, aposta por unha transformación fonda. “O partido ou se transforma dentro ou non poderá cambiar fora e para cambiar o que esta sociedade necesita cambiar fan falta cambios dentro", apuntou.
"Os cambios dentro son confianza nos militantes, apertura do partido con procesos de primarias abertas, limitación de mandatos, a aprobación dun código deontolóxico interno para o comportamento ético do partido e unha serie de ideas que creo que deben completar o programa electoral en política económica, política social e dereitos da cidadanía", engadiu.
A súa aposta é que o PSOE saia deste proceso “unido” posto que "ou o Partido Socialista é un instrumento de cambio ou o país non cambiará". Sobre a carreira para conseguir avais opinou que "estaría moi ben que a dirección xeral publicara a procedencia dos avais das persoas que superaron o mínimo" e así poder saber que comunidades apoian a cada un despois de que Pedro Sánchez superárao nuns 16.000 e el tivera unha vantaxe de 15.000 con respecto a Pérez Tapias.
"Eu miro os meus e os meus son case 16.000 máis dos que se requiren para poder estar no percorrido do congreso. Recibo como unha honra que haxa 26.000 persoas que apostasen por que esta candidatura teña percorrido, que poida avanzar neste congreso", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.