Por E.P. | OURENSE | 01/05/2022 | Actualizada ás 18:08
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou este domingo a "potencia cultural" da cidade de Ourense, fronte a un goberno municipal que "quere facer unha cidade en branco e negro" e "ataca e dá as costas" á cultura.
Así o manifestou a líder nacionalista en Ourense, onde participou na xornada lúdica organizada polo BNG no Parque da Barbaña, con actividades de lecer, actuacións musicais, recital de poesía, e outras mostras da riqueza creativa da cidade.
Pontón sinalou que este acto, "en defensa da cultura", pretende reivindicar o valor do tecido cultural de Ourense fronte á actuación municipal, e lembrou que esta actividade "non é só diversión", senón tamén benestar, riqueza para un país e creación de emprego. "Non podo imaxinar a vida, a cidade, sen libros, sen teatro, sen música ou sen arte", apuntou.
A portavoz nacional do BNG apostou por unha cidade "con máis cultura, máis diversidade, que sexa elemento de benestar e peza de desenvolvemento económico, con creación de riqueza, e unha aposta de presente e de futuro". Respecto diso, lamentou o "declive" dos últimos anos en Ourense polo "abandono" e "pasotismo" do goberno local.
Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG no Concello de Ourense, Luís Seara, explicou que a xornada organizada este domingo mostra só "unha pequena selección" da "potencia cultural" da cidade, organizada en resposta á estratexia do goberno encabezado por Gonzalo Pérez Jácome de "desmantelamento da cultura". "Fronte a iso non podemos mirar para outro lado, renderse non é unha opción, e rebelámonos de forma festiva", afirmou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.