GC Aberto

A palavra adoquinada

Por admin | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/05/2022

Comparte esta noticia

Descarbonizando a praza do Carbón, peonalizando a praza do Callao en cuxos altos loce o monumento ao almirante vigués Méndez Núñez, (un dos heroes da batalla do Callao) o governo municipal cambia os vedraños adoquíns de granito do país polo horrendo formigón. Reclama ser Ferrol Patrimonio Mundial e, a un tempo, deixa nas cobizosas mans dos construtores de tixolo e cemento o enfeitizo dunha cidade ilustrada. Na praza do Callao, da verba celta caliavo, que provén de kal, isto é pedra ou callau, praia de cantos rodados, como os fermosos pavimentos das belidas cidades portuguesas, nos Açores, Madeira ou no Languedoc francés. Como os fermosos adoquíns que loce a cidade tan premiada de Victoria, artellados alí polos canteiros artesáns pontevedreses, como Karlotti me comentava onte, un dos artelladores da Palavra Encarnada, da Poesía salvaxe, a adoquinar de versos livres as rúas e as prazas da cidade racionalista durante tres longos lustros. Na praza do Callao a verba dos arxinas que Ferreiro cantara, a pedra de granito lavrada por canteiros, o addukkín que fai das rúas espellos de ríos grisallos por onde a auga lúe sen apozar, por onde o paseante camiña sen esvarar. O empedrado ferrolán patrimonial que devera ser mimado como os abraiantes mosaicos dos irmaos portugueses. O adoquín lambonada ou carambelo. O adoquín político, torpura dos diñeiros públicos que escorregan polas arcas do formigón armado. O adoquín-cubo de xelo con azucre para as bebidas do Callao peruano. As pedras escadradas dos antigos romanos, lindas e rexas, como radiantes versos de luz ecoados nos espellos das brancas galerías. Pedra-osamenta da terra nai. Adoquín da revolta no maio francés, baixo o teito de pedra, pavimento de areais contra as cargas policiais nas primaveras. Adoquim do Brasil, zona policiada. Pedra de escândalo, Palavra encarnada, cerco de pedra en que a verba encarna para curar ao sol. Versos nas calzadas. Silenciada arma carregada de futuro. Encarnada nas tascas e mercados, entre o viño e a cebada, no mar de dentro e no de fóra, nos Ateneos abertos, entre cuncas e linguas de cor e lume, nos ancos sombrizos da cadrícula ferrolana. Pedra de amolar, para aguzar as facas. Pedra de xelo, saraiva nos cravos de abril, festexando a revolución guiada outrora por Saraiva de Carvalho.

Praza do Callao, en Ferrol
Praza do Callao, en Ferrol | Fonte: viviendoenferrol

A Palavra Encarnada a empedrar as rúas de Ferrol. Bardos do povo, desmercantilizando a beleza, convocando a voz, compangando o pan, sementando as leiras, afiuzando na colleita e na sazón. Sen curiais nen dezmos. Poetas, pedra a pedra, erguéndose en encostas. Consagradores da pedra infernal que há corroer as nauseabundas espullas do Mercado. Pedra-adoquín, fita nas verbas, liberando a cidade dos valados.

IOLANDA TEIXEIRO REI

FERROL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Sifón

E os cantos rodados son os nosos coios.

1 Sifón

Adoquín en galego é lastro

1 iolanda teixeiro

Sei, mais se poño lastro, non me entende case que ninguén. Ese é un dos problemas do devalo da nosa lingua. Coio aínda pode ser. Mais obrigada polo teu apontamento.