Rueda tomará posesión como novo presidente da Xunta o 14 de maio: "Tentarei ser o presidente de todos os galegos"

O PPdeG formaliza a proposta no Parlamento para que suceda a Feijóo. A Cámara celebrará os días 10 e 12 de maio o pleno de investidura.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/05/2022 | Actualizada ás 11:33

Comparte esta noticia

"Tentarei ser o presidente de todos os galegos, con independencia de a quen voten". Esta foi a mensaxe que lanzou o vicepresidente primeiro da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, na súa primeira comparecencia como candidato oficial a suceder a Alberto Núñez Feijóo como máximo mandatario autonómico. Fíxoo despois de entrevistarse co xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, quen previamente recibiu no Parlamento aos portavoces do tres grupos que sentan no hemiciclo galego: PSdeG (Luís Álvarez), BNG (Ana Pontón) e PPdeG (Pedro Puy), para a preceptiva rolda de consultas.

Arquivo - O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, comparece no Parlamento. XOÁN CRESPO - Arquivo
Arquivo - O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, comparece no Parlamento. XOÁN CRESPO - Arquivo | Fonte: Europa Press

Rueda recoñeceu a "enorme responsabilidade" coa que sucederá ao xa líder do PP estatal e actual presidente galego en funcións. Tamén o seu agradecemento aos seus, ao resto de grupos e ao presidente do Lexislativo, así como o obxectivo de gobernar "para todos". Tamén destacou a "estabilidade e normalidade" do proceso.

Pedro Puy, portavoz do Grupo Parlamentario Popular, cunha maioría absoluta de 42 escanos no Pazo do Hórreo, comunicou este luns ao xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, que o vicepresidente primeiro da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, é o proposto para suceder a Alberto Núñez Feijóo como máximo mandatario galego.

Dado que toma as rendas das mans de Feijóo, avanzou que xestionará con "continuidade" porque el mesmo forma parte dun Executivo do que se sente "orgulloso" e que fixo "cousas moi boas" que "hai que seguir". Pero matizou que "non é o mesmo continuidade que continuísmo", e avanzou que prevé introducir "novas ideas e novas propostas" para "seguir crecendo, mellorando e facelo todos xuntos".

Mentres fontes populares esperan un Goberno con axustes pero sen grandes cambios --terá que cubrir o oco que el mesmo deixa nunha Consellería--, Rueda limitouse a ratificar que quere contar co actual vicepresidente segundo e responsable económico, Francisco Conde, como unha mensaxe de "certeza e confianza" nun escenario de postpandemia tamén marcado polos efectos da guerra de Ucraína.

Rueda aproveitou o seu primeiro acto de campaña interna para liderar o PPdeG, o pasado sábado en Lugo, para trasladarlle ao monfortino que o considera "imprescindible" no seu equipo. Este luns, recoñeceu, entre risas, que aínda non lle confirmou se seguirá con el.

DÚAS VICEPRESIDENCIAS?

E tampouco quixo dar pistas sobre se lle gusta o modelo con dúas vicepresidencias implantado por Feijóo, esgrimiu que agora se centrará en preparar o seu discurso de investidura e desvelará o seu Executivo cando chegue "o momento oportuno".

Todo iso mentres no partido se especula acerca de se esta será a oportunidade para que o líder provincial coruñés, Diego Calvo, sexa o elixido para cubrir o seu propio oco no Gabinete autonómico e se, de ser así, entraría cunha categoría de vicepresidente ou se outro ou outra integrante do Consello da Xunta sería ascendido.

Ademais, Rueda xa reiterou que manterá o costume de Feijóo de non responder a cotas territoriais. "Quero contar cos mellores homes e mulleres, con independencia da súa orixe e territorio", recalcou.

DIÁLOGO COA OPOSICIÓN

Ao tempo, sobre a relación que manterá coa oposición, tras unha rolda de consultas na que o PSdeG se mostrou máis conciliador, sinalou que deberse "a todos os galegos" tamén "obriga" a dialogar e tentar chegar a "acordos e consensos" coa oposición, "canto máis e máis amplos mellor".

Farao a pesar das "descualificacións" que recibiu, con especial contundencia da líder do Bloque, Ana Pontón, quen se referiu a el como "secundario" de Feijóo. Aínda que afirmou que a súa reacción é "respectable", vinculou determinadas críticas con que os seus rivais políticos esperaban que o PPdeG "non estivese á altura" no proceso de substitución e "non foi así".

CONFRONTAR CON FEIJÓO? 

Así mesmo, afirmou que, se chegado o momento Feijóo lograse entrar na Moncloa, prevé situarse cos "intereses" de Galicia aínda que non cre que "sexa necesario" confrontar.

"O primeiro que miraría é polos intereses dos galegos. Creo que o propio Feijóo pediríamo, pero estou seguro de que non fará falla", resolveu.

PASOS ATÉ A INVESTIDURA

O Parlamento de Galicia celebrará o martes 10 e o xoves 12 de maio o pleno de investidura de Alfonso Rueda como novo presidente da Xunta en substitución de Núñez Feijóo, que presentou a súa dimisión o pasado venres. Así, o sábado 14 de maio será a toma de posesión.

Así o ratificou Puy tras a preceptiva rolda de consultas na Cámara autonómica. Realizado este trámite, o xoves reunirase a Xunta de Portavoces para ordenar o debate de investidura. O martes 10, Rueda pronunciará o seu discurso e exporá o seu proxecto, e o xoves 12, retomarán os grupos a réplica e será elixido presidente co apoio do PPdeG.

Deste xeito, o debate de investidura arrincará o martes 10, xornada na que unicamente intervirá o candidato. A sesión retomarase ás 48 horas, o xoves 12, coa intervención dos portavoces do tres grupos con representación na Cámara --PPdeG, BNG e PSdeG--. Dous días máis tarde, o sábado 14, será o acto de toma de posesión.

O sábado 14 de maio, día en que Rueda tomará posesión, Galicia terá un novo presidente, segundo ratificou Puy, quen deu por feito, preguntado polo "estilo Rueda", que o pontevedrés dará "continuidade" ao mandato programático do PPdeG ratificado nas urnas ata en catro ocasións.

Neste contexto, insistiu no apoio "moi importante" da poboación galega á xestión do partido "durante os últimos anos". A partir de aí, iso si, cada persoa imprime a súa propio "saber facer" e a súa "forma de actuar".

Por outro lado, o portavoz socialista, Luís Álvarez, esta substitución na Xunta dáse nunha "situación absolutamente inédita", xa que en 40 anos da historia da autonomía ningún presidente presentara a súa dimisión. Todos, fóra de Gerardo Fernández Albor, quen perdeu unha moción de censura en 1987--, marcharon tras perder unhas eleccións.

A pesar desta situación nova, o Parlamento seguirá as "pautas regulamentarias" en canto aos tempos tras a renuncia de Feijóo. "Non hai novidade", dixo Luís Álvarez, quen ademais destacou que o procedemento "está a ser o suficientemente áxil".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Minho

Se quere ser o presidente de tódolos galegos, que convoque eleccións o día 15. Debe ser elixido polos votantes, non polo dedo de Feijóo