Digresk, Os D'Abaixo e Dequenvessendo súmanse ao cartel do Festival de Ortigueira 2022

Tanxugueiras serán as encargadas de abrir o festival, que se celebrará do 10 ao 17 de xullo

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/05/2022 | Actualizada ás 17:12

Comparte esta noticia

O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira anunciou que suman ao seu cartel tres novas incorporacións. Digresk, Os D'Abaixo e Dequenvessendo únense ás xa confirmadas Tanxugueiras, Red Hot Chilli Pipers, Wolfstone, Luar na Lubre, Baiuca, Xosé Lois Romero e Aliboria, Talisk, Covagueira e Susana Seivane, nunha edición que a organización definiu como "a máis longa da historia" e que se celebrará do 10 ao 17 de xullo.

Nun comunicado, a organización sinalou que o grupo Digresk levará a Ortigueira o seu "inconfundible estilo", unha mestura entre electrónica e rock, que eles mesmos denominan 'Trad Électro Rock', con letras reivindicativas e "unha enerxía contaxiosa". Os franceses subiranse ao escenario o penúltimo día do festival, o sábado 16 de xullo.

Por outra banda, a banda galega Os D'Abaixo regresa ao festival con 'Somos a Pedra', un traballo nunha liña nova e reivindicativa, "contra os ataques que sofre a cultura galega", que presentarán ante o público de Ortigueira o domingo 17 de xullo.

Ese mesmo día, Dequenvessendo, o grupo folk galego que "marabillou o público na final do Concurso Runas 2019", presentarán no festival o seu último traballo, 'Canto das Xacias', baseado no imaxinario popular galego e cheo de sonoridades celtas e atlánticas.

As encargadas de dar o pistoletazo de saída a esta edición do Festival de Ortigueira, declarado de Interese Turístico Internacional, serán as Tanxugueiras, o domingo 10 de xullo, mentres que Talisk e Covagueira se subirán ao escenario o xoves 14 de xullo, Susana Seivane e Red Hot Chilli Pipers actuarán o venres 15, e Baiuca, Wolfstone e Xosé Lois Romero e Aliboria, o sábado 16. Luar na Lubre estará no escenario de Ortigueira o último día, o domingo 17.

Festival de Ortigueira - cedida
Festival de Ortigueira - cedida

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta