GC Aberto

A Don Dionisio, o educador do módulo 7. Na homenaxe de xubilación

Por admin | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/05/2022

Comparte esta noticia

Boa noite, amigas e amigos:

Actividades no centro penitenciario de Teixeiro
Actividades no centro penitenciario de Teixeiro

Hai coma trece anos, D. Manuel García Souto, o capelán do Centro Penitenciario de Teixeiro, (A Coruña), díxome: Na diocese de Mondoñedo- Ferrol non tendes cárceres. Pero si moitos presos, sobre todo de Ferrol. Xa podiades botar unha man. E aceptei. E recordando aqueles presos que eu coñecín de neno, dixen para min: Xaquín, ti onde te vas meter? Fíxeno polos

presos. Non lles tiña medo a eles. E non vos vou dicir a quen eu lles tiña verdadeiro pánico.

O que máis me impresionou foron as portas e o ruído delas. Sempre preso entre elas. E logo os recontos. Non sei por onde me levou D. Manuel. Sei que acabamos no Módulo 7 e preguntou por Dionisio, o educador. Así. Sen dicir don. Téñolle boa querenza e amizade a D. Manuel.

Falaron un intre entre eles. Eu observei moi detidamente aquel home. Na despedida foi moi afábel e xentil. Deume a man e ofreceuse cortesmente: Aquí estoy para lo que me necesite”. Díxenlle: GRAZAS, SEÑOR. 

Impresionoume. Vin un home baixo, activo, moi interesado polos internos e polas familias. Percibín nel unha grande utopía a favor de persoas necesitadas de apoio e axuda. Deixaba entrever un gran equilibrio interior. Desprendía empatía. Era un home seguro. Culto e ben formado. Falaba de persoas, polo seu nome, sen etiquetar a ninguén. E con moita esperanza. Había que dotar o módulo. O importante era crear un auténtico “Módulo de respecto”. Crear unha biblioteca. Manualidades. E moitas actividades. Darlle sentido ao tempo. Para min todo novo.

E tamén vin nel uns ollos coma sen durmir e non sei se chorosos. Do que si me din conta moi axiña foi de que ao tal Dionisio doíalle a alma. Non sabía por que. Non proxectaba no traballo os seus fondos pesares. Pero aquel home sufría calada e intensamente por dentro. Decidín facerme amigo del e el consentiume ser seu amigo. E deixoume acompañalo como amigo. Foron tempos moi difíciles. Grazas, Dionisio. Que grande muller debeu ser Ángeles!

Desde el, tamén fun observando a moitos de vostedes, os funcionarios. Vin que teñen unha vocación non doada. Moi difícil. Xa vos dixen que eu fun orfo de moi neno e percibo ben quen está a sufrir. GRAZAS, DIONISIO.

Un día díxome. Sería ben que, se podes, pasases pola Unidade de Custodia do Hospital CHUAC. Temos alí un interno que non ten a ninguén. É africano. Se podes vaino ver. Foron seis meses para min de un auténtico regalo. Unha graza de Deus. Incluídos os policías de garda, aos que eu antes tamén vía moi distantes. En Pastoral Penitenciaria debémosche o axudarnos a encontrar cal é a forma e o sentido da nosa presenza no cárcere. Tamén nas Romaxes, no Boletín “Mar Aberto” e moitas máis orientacións. Ti sempre estiveches aí. GRAZAS DIONISIO.

Boto en falta unha medalla ao mérito penitenciario por parte da Institución. Xa sei. Para ti as medallas están no corazón de miles de persoas agradecidas ás que axudaches a erguer e construír. Cóntome entre elas. GRAZAS DIONISIO.

Coñecín á vosa familia. Tivemos oportunidade de falar e, algunha vez, mesmo de chorar xuntos. Non me vou deter nin nos detalles nin nos momentos. Son moi persoais e familiares. Amigo, ti enténdesme, non si? GRAZAS DIONISIO.

Eu non teño fillos. Pero un día, presentáchesme a Patricia, á vosa Patri, a dos dous. E descubrín o misterio da paternidade feita carne: E, alá por dentro, entendín a Paquito Jerez e sorprendinme a min mesmo cantando en primeira persoa: “Como se quiere a los hijos / Ya no se puede querer./ Es un cariño que duele / Y que te alegra a la vez./ Un hijo es la gloria / que nos manda Dios./ Como es ley de vida lo miras contento / Y ríes por fuera/llorando

por dentro”. Como entendes e axudas ás familias que teñen alguén na cadea! GRAZAS DIONISIO.

Isto tamén vai para ti, querida Patri. Saúdos para todo o resto dos vosos familiares. Neste intre tan emotivo, dígoche hoxe, coma o primeiro día:

GRAZAS, DIONISIO. GRAZAS, PATRI.

GRAZAS, MEU SEÑOR! GRAZAS ÁNGELES!

QUÉROVOS!

XAQUIN CAMPO FREIRE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta