Atopan o corpo sen vida do mergullador desaparecido dende o luns no Grove

Quedou inmobilizado a un elemento da costa debaixo da superficie, apunta a Garda Civil.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/05/2022 | Actualizada ás 13:28

Comparte esta noticia

Efectivos do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas da Garda Civil localizaron mergullado na mañá deste venres o corpo do mergullador desaparecido desde o luns na zona do Grove, veciño de Vilagarcía de Arousa. Así o confirmaron a Europa Press fontes do Instituto Armado, que detallaron que sobre as 11,30 horas mergulladores dos GEAS acharon o corpo do home desaparecido, duns 44 anos de idade, que estaba mergullado e "enganchado" a algo, "preto" de onde desaparecera.

Tras ser recuperado o corpo deste submarinista, que residía só en Vilagarcía de Arousa, foi levado a terra á espera de que a autoridade xudicial ordenase o levantamento do cadáver para o seu traslado. O corpo foi recuperado tras comezar na tarde deste pasado xoves un operativo de procura, coordinado pola Garda Civil, para localizar a este mergullador veciño de Vilargacía de Arousa, cuxo vehículo permanecía estacionado na zona de San Vicente desde o luns.

O 112 Galicia sinalou que tivo coñecemento da falta do home durante a tarde do xoves, a través dos axentes da Garda Civil e da Policía Local, que segundo indicaron, foran alertados por un veciño que relataba que o luns vira baixar do seu coche ao home para mergullarse no mar. Asegurou, ademais, que o vehículo seguía no mesmo lugar, na Punta do Carreiro.

Tras ter coñecemento dos feitos, o 112 Galicia activou un operativo no que interviñeron medios por terra, mar e aire. Así, puxo a situación en coñecemento do Servizo Municipal de Protección Civil, de Salvamento Marítimo e do Servizo de Gardacostas de Galicia, que mobilizou o helicóptero 'Pesca 1'.

Ademais, a Garda Civil mobilizou unha patrulleira e ao Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS), que foron os que este venres pola mañá localizaban falecido ao mergullador. Posteriormente, o corpo sen vida do home foi trasladado na embarcación á zona do Miradoiro do Carreiro, onde o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 certificou a súa morte.

Sobre as 17,30 horas do xoves a Benemérita tivo coñecemento da presenza dun coche aparcado desde facía días na zona de San Vicente, no Grove, na urbanización O Carreiro. Unha vez identificado que correspondía a un submarinista veciño de Vilagarcía duns 44 anos de idade que vive só, que habitualmente acode a mergullar pola zona, púxose en marcha un dispositivo.

Este xoves pola tarde-noite participaron, indicaron Salvamento Marítimo, o helicóptero 'Pesca 1' da Xunta, a embarcación 'Río Guadalope' da Garda Civil e unha embarcación neumática do Grove, así como Protección Civil por terra.

Sobre as 22,00 horas deste xoves, destacou a Garda Civil, atopouse no marco do dispositivo de procura preto dun illote unha aboia de submarinista cunha cesta de pesca que se baralla que pertenza ao desaparecido. Este venres foron mobilizados para o rastrexo o Servizo Marítimo da Garda Civil e patrullas de Seguridade Cidadá, así como mergulladores dos GEAS do Instituto Armado.

Mergulladores da Garda Civil rescatan o corpo dun mergullador desaparecido no Grove (Pontevedra).. GARDA CIVIL
Mergulladores da Garda Civil rescatan o corpo dun mergullador desaparecido no Grove (Pontevedra).. GARDA CIVIL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta