Unha moza de Viveiro, entre os falecidos na explosión no Hotel Saratoga da Habana

O acompañante da falecida, un mozo das Pontes, está ferido de gravidade.

Por Europa Press / Redacción | Lugo | 07/05/2022 | Actualizada ás 16:37

Comparte esta noticia

Unha moza de Viveiro,con identidade C.L. e nada en 1993, é unha das persoas que faleceron pola explosión que provocou o venres graves desfeitas no Hotel Saratoga da Habana (Cuba). Segundo fontes próximas á contorna da nova, permanece en estado grave o noivo dela, un mozo nado en 1992, con identidade C.R.S. e veciño das Pontes. Os dous mozos, que permanecían de vacacións na Habana, residían nas Pontes.

Explosión no Hotel Saratoga, na Habana (Cuba) captada cun móbil.
Explosión no Hotel Saratoga, na Habana (Cuba) captada cun móbil.

Ambos os dous estaban nas inmediacións do hotel cando se produciu a explosión, segundo fontes diplomáticas. As autoridades cubanas informaron que polo menos 25 persoas morreron pola explosión rexistrada o venres, segundo un novo balance de vítimas actualizado tras a recuperación de varios cadáveres máis durante a madrugada deste sábado.

O presidente cubano, Miguel Díaz-Canel, encomiou o labor dos "heroes" que, nestas "horas terribles", seguiron traballando durante toda a noite na procura de posibles corpos ou sobreviventes atrapados entre os cascallos.

"É moi lamentable o ocorrido, a destrución, sobre todo as perdas de vidas, e tamén as persoas lesionadas, pero unha vez máis quero destacar a rapidez coa que se mobilizaron a poboación e as institucións. Primou a solidariedade", destacou en Twitter.

As autoridades cubanas aseguraron que, por agora, xa se confirmaron 25 vítimas mortais, das cales 22 xa foron identificadas, segundo medios oficiais.

As autoridades locais atribuíron a explosión a un accidente, ocorrido aparentemente durante o traslado de gas desde un camión aparcado xunto ao establecemento hoteleiro. O Saratoga, reaberto en 2005, atópase no caso antigo da Habana.

REPATRIACIÓN

O Goberno central acelerará os trámites de repatriación do corpo de Cristina L., morta na Habana. Así o confirmou o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, quen trasladou o pésame do Executivo estatal á familia e amigos da falecida.

Ademais, Miñones trasladou o apoio do Goberno de España á familia de César R., o noivo da moza.

"Acabo de manter unha conversa co embaixador de España en Cuba para levar un seguimento e detalle de todo o ocorrido e trasladoume que a embaixada se puxo a disposición dos familiares", apuntou o delegado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta