Traballadores da CRTVG piden retirar a entrevista ao avogado de Santi Mina: "é violencia machista"

O letrado atribuíu os feitos condenados a "unha mala noite".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/05/2022 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

A condena do futbolista do Celta Santi Mina segue a ter consecuencias no eido do deporte e a opinión pública. O derradeiro episodio vén da man da CRTVG. O comité sindical Intercentros vén de denunciar o "inaceptábel episodio de violencia machista" da Corporación por dar voz no programa Zona Mixta ao avogado Pablo Viana, que defendeu o futbolista condenado a catro anos de prisión por un delito de abuso sexual.

Redacción da CRTVG, en San Marcos. CRTVG- Arquivo
Redacción da CRTVG, en San Marcos. CRTVG- Arquivo

 

Dende o comité apuntan directamente ao silencio da cúpula de San Marcos tras o suceso. "Desconcerta que unha semana despois a dirección da empresa non emitise ningún pronunciamento nin adoptase ningunha medida ao respecto", inciden. Neste aspecto, apuntan como posibles saídas para evitar esta clase de acontecementos "a elaboración dunha guía ou libro de estilo con criterios claros que inclúa normas precisas e concretas para o tratamento nas informacións e programas da CRTVG da perspectiva de xénero e a violencia machista", ou "a creación da figura da editora en igualdade de xénero e a formación dos profesionais".

 

A ollos do comité, a necesidade destas figuras queda evidenciada polo papel xogado polo presentador do programa, que "non só non soubo reaccionar e evitou recriminar as graves declaracións do letrado, senón que o enfoque errado da información deu pé á valoración xenérica da sentenza por parte de Pablo Viana, máis alén da repercusión estritamente deportiva (medida cautelar adoptada polo club celtista), e a posterior deformación dos feitos probados e culpabilización da vítima".

 

Neste aspecto, critican o papel da CRTVG ao non condenar directamente as declaracións do avogado. "A canle pública debe apostar decididamente na defensa dos valores relacionados coa igualdade de xénero e coa prevención e a loita contra a violencia machista en todos os seus ámbitos e aspectos".

 

Demandan, neste aspecto, "o compromiso real e decidido coa igualdade e a tolerancia cero coa violencia de xénero. A dirección da CRTVG debe asegurar que os profesionais dos medios públicos cumpran con este compromiso social esencial, para o que precisa investir nun plan ambicioso de sensibilización e formación, tanto básica como especializada, progresiva e permanente, de todo o seu persoal en igualdade de xénero e contra as violencias machistas".

 

Unha vez máis, o Intercentros demanda a elaboración dunha guía con normas "claras e precisas" para o tratamento da perspectiva de xénero e a violencia machista nos contidos informativos e de programas dos medios públicos, así como na creación da amentada figura da editora de xénero que vele polo cumprimento dos criterios e normas marcados. Por último, a dirección da CRTVG debe tomar a decisión de retirar da súa web a entrevista a Pablo Viana, cuxo contido non pode ter cabida non medios públicos galegos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta