Enmendando a Chomsky

Non son poucos os referentes intelectuais cos que conta a esquerda, o pensamento de esquerdas. Noam Chomsky sen dúbida é un deles. Aos seus mais de 90 anos sigue na loita, reflexionado sobre a realidade, aportando a súa capacidade de análise e crítica, pescudando alternativas. A finais dos 80 lin “A quinta liberdade”, un libro que marcou a miña forma de ver a política internacional. No seu momento cualifiqueino de imprescindible, e penso que hoxe o seguiría facendo, igual que outro libro “As venas aberta de América Latina”, de Eduardo Galeano, de lectura obrigada si un quere coñecer as raíces da realidade actual latinoamericana.

Por Emilio Martinez | Porto | 13/05/2022

Comparte esta noticia

Teño para min que a labor mais importante dun referente intelectual non é so a de iluminar os camiños, senón, por riba de todo, proveernos das ferramentas para nos camiñar sen axudas; ensinarnos a exercer a crítica, a construír, por nos, alternativas, e postos, a cuestionar as conclusións ás que eles mesmos chegan.

Noam Chomsky afirmaba hai unhas semanas nunha entrevista en El Mundo sobre a guerra en Ucraína, despois de recoñecer o dereito indiscutible de Ucraína a defenderse da agresión rusa, o seguinte, na tónica benevolente coa que algunha esquerda xulga o matonismo de Vladimir Putin,  buscando eximentes ou atenuantes aos seus crimes: “Incluso o Secretario de Defensa de Clinton, William Perry, estivo a punto de dimitir en sinal de protesta cando o seu presidente decidiu violar a promesa firme e inequívoca a Gorbachov pola que se aseguraba que a OTAN non se expandiría “nin unha polgada ao leste”, é dicir ao este de Alemaña.”.

Esta é unha afirmación, o suposto compromiso con Rusia de non expandir a OTAN cara ao leste, que a esquerda pro-Putin ven difundindo por todos os medios que ten ao seu alcance. Como toda a propaganda rusa utiliza o descoñecemento da cidadanía no seu beneficio, repetindo mentiras unha e outra vez, aproveitándose de que a maioría non irá a buscar fontes para verificar as afirmacións. A táctica non é descoñecida. A web de verificación de novas, Maldita.es, ten detectado que moitos dos bulos sobre a invasión de Ucraína, xustificativos da agresión, teñen a súa orixe nos mesmos sitios que os bulos negacionistas sobre a pandemia e o COVID-19.

Margaret MacMillan, reputada historiadora das relacións internacionais dos séculos XIX e XX, e autora de varios libros de referencia sobre a I Guerra Mundial, e recentemente dun  espectacular: “A guerra. Como nos marcaron os conflitos”, dicía nunha entrevista en El Pais o pasado 25 de abril: “Iso que din os rusos de que lles dixeron que a Alianza Atlántica nunca se ampliaría foi unha promesa que nunca se fixo; segundo parece, foi un comentario dun diplomático estadounidense nunha reunión”. Un comentario, si, que hoxe a bancada filorusa eleva á categoría de tratado, convenio, acordo, pouco mais ou menos as táboas da lei que Moisés baixou do Monte Sinaí.

Pero vaiamos un pouco mais alá, e analicemos as inconsistencias da afirmación de Chomsky. A primeira é sobre a suposta ameaza de dimisión de William Perry pola ampliación da OTAN. Mentira. A administración Clinton dende o principio, 1993, tivo como eixe en política internacional expandir a OTAN. Perry converteuse en secretario de Defensa en 1994, logo da dimisión de Les Aspin. Perry non descoñecía a prioridade de Clinton, e en varios dos conflitos cos que tivo que lidiar non lle tremou a man: defensa do bombardeo das forzas serbias en Bosnia ou de infraestruturas de dobre uso en Irán. O momento de maior tensión entre a Secretaria de Defensa e o Departamento de Estado non foi pola OTAN senón pola participación na intervención en Haití, que contou co respaldo das Nacións Unidas, na altura aínda estaban sen curar as feridas causadas pola intervención en Somalia.

Segunda inconsistencia. É crible que a OTAN, ou Estados Unidos, fixeran promesas sen contrapartidas?. A verdade é que resulta difícil acreditar niso. A que se comprometeu Rusia si, supostamente, a OTAN accedeu a non incluír países que tiveran formado parte do Pacto de Varsovia?. O cumpriu?. Os que apoian a Putin calan sobre a materia. Eu no deixo de lembrarme nalgo que aprendín nas clases de Dereito Mercantil en primeiro curso de Económicas hai tantos anos: un contrato, un acordo obriga ás dúas partes, unha parte fai unha cousa a cambio de que a outra faga outra ou dea algo en pago... sinxelo, funciona tamén a nivel internacional.

A terceira cuestión que non aclaran aqueles que xustifican a agresión rusa é porque ese suposto ofrecemento feito a Gorbachov, e lembremos que non materializado en ningún acordo ou tratado internacional, tería que ser válido 30 anos despois. Gorvachov e Vladimir Putin son a mesma cousa?. Estamos nas mesmas circunstancias?. Aclaremos que non á primeira pregunta e non á segunda. Ten chovido moito dende que Gorbachov deixou de ser presidente. Estas tres décadas están cheas de intervencións rusas de cuño imperialista, falamos de Georgia, falamos de Chechenia, falamos de Moldavia, falamos de Ucraína en 2014. Falamos, no aspecto interno, da imposición dun réxime autoritario e represor. Falamos do apoio a ditaduras... Rusia é o veciño que ninguén querería ter.

Imos deixar para outro momento lembrar como a maioría dos países que formaran parte do Pacto de Varsovia solicitaron, tan pronto se liberaron de 40 anos de opresión soviética, o ingreso na OTAN... por algo sería... non?. Tal vez porque se lembraban do esmagamento das revoltas en Berlín en 1953, as centenas de mortos causadas polo exercito soviético en 1956 en Hungría, os tanques soviéticos silenciando ao pobo en Praga en 1968...  Agresións e asasinatos que celebraron os antecesores desa mal chamada esquerda que hoxe aplaude as atrocidades das tropas de Putin.

En 2017, a historiadora estadounidense Anne Applebaum, dicía no seu libro “Fame Vermella. A guerra de Stalin contra Ucraína” o seguinte: “Ao igual que en 1932, cando Stalin lle dixo a Kaganóvich que a súa maior preocupación era “perder” Ucraína, o actual Goberno ruso tamén cree que unha Ucraína soberana, democrática, estable e unida ao resto de Europa mediante vínculos culturais e comerciais supón unha ameaza para os intereses dos líderes rusos. (...) A revolución popular que estourou en Ucraína en 2014 representou o peor pesadelo do cumio dirixente de Rusia: mozos que pedían un Estado de dereito, que denunciaban a corrupción  e ondeaban bandeiras europeas. Un movemento como aquel podería ser contaxioso, e polo tanto debían detelo por calquera medio”.  As razóns da agresión son as mesmas 8 anos despois, hoxe como en 2014 para Putín é insoportable que conda o “mal exemplo”: que un país que debe ser unha colonia rusa poda tomar o seu propio camiño, e sen pedir permiso.

A quinta columna de Putín non se cansa de difundir mentiras. Aqueles que defendemos a democracia e a liberdade dos pobos non podemos cansarnos de denuncialas, aínda que sexa a consta de emendar a Chomsky, por moito respecto que lle teñamos.

Vladimir Putin
Vladimir Putin | Fonte: temposgalegos

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.