A RAG pide ao presidente da Xunta a posibilidade de abrir novas vías de colaboración entre as institucións

"Se aceptamos que a lingua é un territorio de unión, modernidade e afectos, marca de identidade por encima das siglas e as diferenzas, oxalá saibamos atopar novas iniciativas para avanzar no seu desenvolvemento", aseverou o presidente da RAG, Victor Freixanes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/05/2022 | Actualizada ás 17:52

Comparte esta noticia

O presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, dirixiuse este martes ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a homenaxe ao poeta Florencio Delgado Gurriarán, para transmitirlle a súa petición de abrir novas vías de colaboración para superar os "novos desafíos" aos que se enfronta a o galego.

"Se aceptamos que a lingua é un territorio de unión, modernidade e afectos, marca de identidade por encima das siglas e as diferenzas, oxalá saibamos atopar novas iniciativas para avanzar no seu desenvolvemento", aseverou Freixanes durante o acto no que O Córgomo celebrou a vida e obra do poeta valdeorrés, "exemplo de coherencia e compromiso" e símbolo do exilio mexicano

Ademais, o presidente da RAG tamén sinalou a relevancia deste acto por contar coa presenza do novo presidente autonómico, Alfonso Rueda. "Esta vez ten especial significación porque é o primeiro acto da Academia no que participa o presidente recentemente elixido no cargo", proclamou Freixanes. A institución académica homenaxeou ao poeta ourensán, ao que consideran un "exemplo de coherencia e compromiso" e un símbolo do exilio galego a México.

Florencio Delgado Gurriarán é o homenaxeado desta edición das Letras Galegas non só pola súa traxectoria literaria, senón tamén polo seu percorrido vital. O académico numerario Ramón Villares resaltou o labor do poeta para salvar a numerosos galegos organizando a súa evacuación cara ao exilio, e cualificouno como o episodio "máis heroico" da súa traxectoria vital.

O acto conmemorativo tivo lugar na Aira dos Birlos, unha localización especial da infancia de Florencio, pois é onde xogaba aos 'birlos' co resto de nenos corgomeses. Así o inmortalizó o propio autor no poema que titulou co nome da súa localidade natal e que este martes se lembrou na sesión plenaria da RAG.

"Neste ano 2022, Córgomo é a capital literaria de Galicia e a capital universal da lingua galega, esa 'Galicia infinda' da que falaba o noso homenaxeado" afirmou o presidente da RAG. Esa Galicia "sen fronteiras" tivo tamén a súa acollida na celebración deste 17 de maio coa viaxe "simbólica" ata México, país ao que Gurriarán exiliouse en 1939.

LITERATURA E COMPROMISO

Por outra banda, o acto contou coas intervencións da secretaria da RAG, Margarita Ledo Andión, e dos académicos numerarios Ramón Villares, Rosario Álvarez e Xesús Alonso Montero, que puxeron en acento o "compromiso demócratico e cultural" de Gurriarán na súa contribución á construción do galego estándar e os seus poemas "matrióticos e patrióticos".

Por unha banda, Ramón Villares enxalzou a "acción política" de Gurriarán durante a Guerra Civil e o exilio. O académico resaltou a biografía "chea de adversidades e algún golpe de sorte", destacando que Florencio é "exemplo de coherencia e compromiso".

Así mesmo, Villares resaltou "o regreso a casa" en 1981 de Gurriarán, cando foi nomeado académico correspondente da RAG e membro de honra do Instituto de Estudos Valdeorreses. "Volver a Valdeorras foi máis que un regreso, foi pechar un círculo aberto na súa infancia", concluíu o académico.

Pola súa banda, Rosario Álvarez detívose na vontade do homenaxeado de "sumarse á construción colectiva dun galego culto válido para todos os habitantes de Galicia". Por último, Alonso Montero ofreceu unha análise literaria da obra de Gurriarán, do que destacou a súa faceta matriótica e patriótica.

Doutra banda, Freixanes agradeceu a presenza das fillas de Delgado Gurriarán, Celia, Maruxa e Carmiña Delgado, e a do seu neto Roberto, que viaxaran desde México e Estados Unidos para a ocasión.

A música estivo presente no evento da man da Real Banda de Gaitas de Ourense, que interpretou a Marcha do Antigo Reino de Galicia, a 'Alborada de Veiga' e a 'Muiñeira de Chantada'. Así mesmo, a agrupación clausurou a sesión plenaria coa interpretación do Himno de Galicia.

A Real Academia Galega homenaxea a Delgado Gurriarán coa petición a Rueda de abrir novas vías de colaboración para a pomoción do galego. REAL ACADEMIA GALEGA
A Real Academia Galega homenaxea a Delgado Gurriarán coa petición a Rueda de abrir novas vías de colaboración para a pomoción do galego. REAL ACADEMIA GALEGA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta