Greenalia pintará de negro as aspas dos eólicos para evitar a morte de máis aves

A medida aplicarase a un parque eólico disposto entre Bande e Verea que vén de saír a exposición pública.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2022 | Actualizada ás 13:16

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este xoves a saída a información pública do parque eólico de Fonsanta, un proxecto que Greenalia prevé instalar entre os municipios ourensáns de Bande e Verea. En concreto, segundo o acordo publicado no DOG, esta iniciativa exponse para o coñecemento xeral durante un prazo de 30 días, a contar a partir desde este venres, durante o cal a sociedade poderá presentar as alegacións e observacións que vexa oportunas.

Tal e como informa Greenalia, o parque de Fonsanta estará composto por un total de 12 aeroxeradores instalados dentro da área de desenvolvemento eólico O Vieiro. A súa saída a información pública, asegura a compañía, "garante a protección ambiental e viabilidade técnica" do proxecto.

O parque terá unha capacidade instalada de 50 megawatts e unha produción eólica de 153.163 megawatts hora ao ano, o que significa o equivalente ao consumo de 43.480 familias e a redución de 56.670 toneladas de emisións de dióxido de carbono á atmosfera, segundo cifras da empresa enerxética.

En canto ás características técnicas dos aeroxeradores, terán unha potencia unitaria de 4,2 megawatts, con excepción dun deles que será de 3,8, e unha altura de buje de 112 metros e un diámetro de rotor de 150. O orzamento de execución será duns 41,5 millóns de euros, aos que se suman 1,5 millóns dirixido ás arcas locais a través de impostos e taxas.

Greenalia destaca que o proxecto de Fonsanta sitúase fóra da rede galega de espazos protexidos o Rede Natura 2000. Do mesmo xeito, exclúense os humidais protexidos ou de interese e zonas fluviais protexidas. Con todo, a Xunta de Feijóo evitou ampliar a RN2000 con espazos pensados para a súa protección, circunstancia que chegou a motivar queixas en Bruxelas. De aí que a RN sexa, en realidade, unha fracción do que, de acordo con estándares do propio proxecto, podría ser.

En canto a afectación á avifauna, a compañía asegura que un "amplo traballo de campo" constatou que a maioría de especies presentes na zona son "de carácter estritamente forestal" e que o interese ornitolóxico é "limitado debido ao baixo número localizado ao longo de meses". En todo caso, prevese a instalación de "unha serie de medidas preventivas" como pintar de negro unha aspa en cada aeroxerador.

Mentres tanto, no que respecta ao patrimonio cultural, o estudo sobre os elementos e unha prospección arqueolóxica reflicte "a compatibilidade" do parque. Con todo, como medida preventiva, Greenalia afirma que se fará unha roza previa á construción e un control arqueolóxico "continuo" dos movementos de terra.

Parque eólico  / GREENALIA / Europa Press
Parque eólico / GREENALIA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta