Por Galicia Confidencial | Padrón | 11/07/2014 | Actualizada ás 19:00
Auga, mar e poesía. É a particular homenaxe que este sábado lle fará a Fundación Rosalía de Castro e a A.C. Dorna da Arousa, coa colaboración do Concello de Padrón e do Concello de Valga, á Rosalía de Castro.
E é que a gran poeta galega será homenaxeada a través do río nun acto que leva por nome “Que inchadiña branca vela”, precisamente, en honor a un dos seus versos. Deste xeito, quince dornas procedentes do Grove, Cambados e a Illa de Arousa subirán desde a praia fluvial de Vilarello en Cordeiro (Valga) ata Padrón, onde se lle renderá unha homenaxe a Rosalía diante da súa estatua no Espolón de Padrón.
Esta actividade, que se celebrou por primeira vez o ano pasado, xurdiu como iniciativa das xentes da cultura marítima para honrar a unha autora que en ‘Cantares gallegos’ falaba das dornas que subíran Ulla arriba no seu tempo:
¡Que inchadiña branca vela
antre os millos corre soa,
misteriosa pura estrela!
Dille o vento en torno dela:
«Palomiña, ¡voa!, ¡voa!»
As embarcacións sairán ás 14.30 de Valga e chegarán ás 16.45 ao Espolón. Alí haberá unha ofrenda floral diante da estatua da poeta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.