Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 18/05/2025 | Actualizada ás 14:00
Hai voces que non se escoitaron nunca nun escenario, pero que fixeron cantar a un país enteiro. Cantareiras que non tiveron carreira discográfica, pero que foron memoria viva. Que tocaban e cantaban sen pedir nada a cambio, sen recoñecemento, só porque era parte da vida, do traballo, da crianza, da festa... Este 17 de maio, o Día das Letras Galegas mirou por fin cara elas. E, nesta celebración colectiva, artistas como 'hydn' (@iamhydn) erguen a voz dende o presente para recoñecer todo o que debemos ás que cantaron antes ca elas. 'hydn' é unha das voces máis frescas da nova música galega. Mestura pop urbano con electrónica, canta en galego e pensa en galego, pero tamén vén dunha identidade construída entre dúas culturas, entre Madrid e Galicia, entre a busca e o reencontro. Non medrou mergullada na tradición, pero chegou a ela coma quen atopa un fogar que non sabía que buscaba. E, dende esa revelación, cada paso musical leva pegada a emoción de recuperar algo que tamén é dela.
Nesta entrevista fala do que significou para ela descubrir a cultura galega con ollos propios, da dor de sentirse afastada e da alegría de recoñecerse. Fala tamén do seu propio camiño artístico, da importancia de non apurarse, de aprender primeiro para poder crear despois, e da necesidade de actualizar a tradición sen borrala. Porque, como di, a nosa música non pode quedar atrás, ten que evolucionar, e a mocidade ten todo o potencial para facelo. No medio das foliadas, dos concertos de Tanxugueiras ou Fillas de Cassandra, do entusiasmo colectivo arredor da música tradicional, 'hydn' achega unha mirada lúcida e persoal. Unha mirada que vén da necesidade de conectar, de crear e de formar parte dunha historia moito máis ampla. Porque, como lembra, cantar en galego é como falar en galego: natural. E, partindo desa base, todo pode construírse.
"DESCUBRIR A CULTURA GALEGA FOI PARA MIN COMA SE UNHA NENA PEQUENA, DE SÚPETO, DESCUBRISE ALGO MARABILLOSO, FOI MOI EMOCIONANTE"
"A miña primeira reacción cando souben que o Día das Letras Galegas ía ser adicado ás cantareiras foi de sorpresa, pois non entendía como aínda non houbera un día para algo tan importante como a figura das cantareiras", conta 'hydn' a Galicia Confidencial. Así, resalta que, "por unha banda, polo meu descoñecemento da tradición popular durante os meus primeiros anos, nunca me detivera a pensar que o Día das Letras Galegas puidera serlle adicado a elas; pero, pola outra, cando me puxen a pensalo, non entendía como aínda non se valorizara a figura das cantareiras en pleno 2025, polo que a noticia fíxome sentir unha fonda satisfacción interior". A artista ábrese con nós e cóntanos a súa historia persoal de encontro coa nosa tradición oral. "A miña nai é madrileña e eu estiven moito tempo desconectada da cultura galega, con ese sentimento de non saber moi ben de onde era, aínda que estivese en Galicia", explica. E é que non mamou dende pequena esa cultura, polo que "non a vivín como algo próximo na miña infancia". Foi tempo despois cando comezou a descubrir todo este universo e se preguntou: "por que non me enterei antes desta marabilla?".
Cando lle chegou esa cultura, fíxoo con forza: "Foi coma se unha nena pequena, de súpeto, descubrise algo marabilloso, foi moi emocionante", asegura. E está segura de que co fenómeno Tanxugueiras ese sentimento non só lle chegou a ela, senón a moita máis xente que "se viu reflexada na súa música como me pasou a min". Ademais, aquela revelación non só tivo impacto na súa vida persoal e musical, senón que a transcendeu como persoa: "Claro que me influíu, porque eu son neofalante e sempre fun dando tumbos sen saber moi ben de onde era culturamente falando, ata que chegou o momento no que descubrín esta música, conectei, entendín que era galega e aí xa me cadrou todo". Lamentablemente para 'hydn' e outras persoas que se achegan dende cero á nosa cultura, como ela ben di, "hai unha parte dela que aínda segue moi illada e moi esquecida", polo que se fai difícil coñecela.
"AÍNDA QUE O FENÓMENO TANXUGUEIRAS PEGOU MOI FORTE, DÁME ALGO DE MEDO QUE CANDO PASE O 'BOOM' NOS ESQUEZAMOS DA NOSA CULTURA"
Cando escoita agora as recompilacións de música tradicional realizadas por persoas como Xabier Díaz e Xosé Lois Romero, entre moitos outros, o que sente é unha mestura de emocións moi intesa. "Por unha parte, emocióname moitísimo escoitar as voces desas cantareiras", confesa. Pero, "pola outra, dáme moita pena e dóeme non ter tido acceso antes a esta tradición", por permanecer en parte invisibilizada e relegada a un segundo plano durante moito tempo. Fronte a isto, 'hydn' reivindica a súa posta en valor, do mesmo xeito que acontece noutras culturas, como é o caso de Andalucía, por exemplo, onde "a xente valora moito o seu patrimonio". "En Galicia cústanos máis poñer en valor a nosa cultura polo legado que aínda arrastramos da ditadura", sinala. Polo que, "aínda que ben é certo que o fenómeno Tanxugueiras pegou moi forte, dáme un pouco de medo que cando pase o 'boom' nos esquezamos novamente da nosa cultura", confesa.
A súa aposta é clara: "A clave está en actualizar esa tradición, tanto a nivel cultural como musical, facela contemporánea sen que perda o seu sentido, e non é nada doado atopar ese punto intermedio". Ela mesma está no camiño de facelo, como nos conta: "Estou niso, realmente aínda non sei ben o que podo aportar, pero sei que non quero empezar a casa polo tellado, polo que o primeiro paso é atoparme a min mesma artisticamente e logo todo o demais". "Antes pretendía ir moi rápido, pero entendín que sen base non se pode crear nada sólido", sinala, e resalta o importante desta reflexión que pasa pola necesidade de achegar a tradición á modernidade e de que a mocidade non vexa á tradición oral das nosas cantareiras como algo do pasado.
"SÉGUEME PARECENDO RIDÍCULO CANDO ALGUÉN ME PREGUNTA POR QUE CANTO EN GALEGO: COMO NON VOU CANTAR EN GALEGO SE FALO EN GALEGO?"
Figuras como a de Rosalía ou a de Judeline demostran dende o punto de vista de 'hydn' que é posible mesturar tradición e modernidade con resultados que son "unha auténtica tolería". Para ela, sen dúbida, "o obxectivo é o delas: non eliminar, senón evolucionar". E fala tamén do que significan para ela os novos proxectos neste senso que se están a dar en Galicia. "Seguimos sendo poucos os que apostamos por este tipo de música, aínda que afortunadamente está a haber un cambio", celebra, rematando cunha reflexión clara tamén sobre a vinculación da música galega coa lingua: "A día de hoxe ségueme parecendo ridículo cando alguén me pregunta por que canto en galego, pois a pregunta é: como non vou cantar en galego se falo en galego?". "É unha lingua tan válida como calquera outra para expresarse", asevera.
"Fastídiame moito que haxa moita xente que pensa que se fas música en galego xa non pertences a ningún xénero musical, só á música en galego como categoría", asevera, lamentando que "iso desanima a moita xente nova que quere comezar neste mundo, porque pensa que cantando en galego non vai comer nada". Agora 'hydn' está a piques de lanzar un novo tema, 'PIKETÓN', un pop urbano con electrónica, producido en boa parte por ela mesma e cuxa inspiración parte dunha noite de festa cunha amiga. "É unha canción que fala dende un punto de vista máis feminino, máis sexual e sen filtros", adianta. Ademais, como non podía ser doutro xeito, está en galego, porque o obxectivo de 'hydn' é que "calquera canción de pop urbano que poidas escoitar en español a poidas escoitar coa mesma naturalidade en galego, e iso tamén é abrir camiño", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.