Chega tarde a Xunta co plan antiincendios deste ano? "Debería ter estado listo en 2021"

O PSdeG censura os prazos da administración, que aprobará o plan o vindeiro xoves.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2022 | Actualizada ás 12:37

Comparte esta noticia

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, avanzou que o Consello da Xunta do próximo xoves, 2 de xuño, aprobará o plan de loita contra o lume (Pladiga) deste ano. Diso informou en resposta a unha pregunta do PSdeG na Comisión de Agricultura do Parlamento galego, nunha comparecencia na que mantivo un cruce de reproches coa deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta.

Durante a súa intervención, Carmen Rodríguez Dacosta tachou de "neglixente" a forma de actuar de Medio Rural, posto que hai distritos forestais "desde xaneiro sen ningún plan preventivo", unha acusación que provocou o enfado de Manuel Rodríguez. O director xeral admitiu ser "visceral" na defensa do persoal antincendios --"da miña xente", afirmou--.

De feito, Manuel Rodríguez cargou contra as palabras de "telexornal de Telecinco" da deputada, dado que ve "todo apocalíptico". Posteriormente, a deputada socialista retirou a palabra "neglixente", o que lle agradeceu o director xeral. Así, Carmen Rodríguez Dacosta expuxo que o Pladiga "debería ser aprobado a finais do ano pasado", pois considera que "de pouco serve se se aproba xa case entrado o alto risco de incendios". Tacha de "inconcibible" que haxa traballadores que "carecen de instrucións" e "traballan ao azar".

Ademais, avisa de que as previsións para este verán son "especialmente graves" e "preocupantes", pois se anuncian "secas importantes", nun contexto de incendios de sexta xeración. Cre necesario medidas como ampliar o período de traballo dos fixos-descontinuos.

PREVENCIÓN

Así, o director xeral de Defensa do Monte explica que non se "espera á publicación do Pladiga para traballar no plan preventivo", o cal xa se presentou fai tres semanas para despois agregarse ao documento do Pladiga. Aclara que hai diferentes obras que se proxectan de forma bianual e xa están previstas desde o primeiro semestre de 2021. "Non é unha improvisación", sentenza.

Ademais, defende que o Pladiga non pode aprobarse o ano anterior á súa posta en marcha porque debe recoller a información estatística correspondente a ese exercicio. Opina que sería unha "irresponsabilidade" optar por aprobar en 2021 o plan de 2022.

Ante as críticas acerca de que o Pladiga sexa unha copia do ano anterior, Manuel Rodríguez xustifica que "ten que ser fotocopia do ano anterior nun 90%", mentres "o 10% tense que ir adaptando". Subliña que a estrutura do dispositivo conta con 32 anos de "sólida experiencia", polo que: "O día que o Pladiga sexa continuamente novo temos un problema no país".

Fronte á censura dos socialistas de falta de organización, o director xeral apunta que o dispositivo conta con 3.000 profesionais, polo que hai "3.000 opinións". Aínda que recoñece que "pode haber desaxustes" e "erros", valorou o traballo do operativo e dixo que se resiste a "transmitir" á sociedade a imaxe de que actúan como o "exército de Pancho Villa", de modo que reduce esas críticas a "mantras" e "estereotipos".

Un helicóptero forestal traballa nas tarefas de extinción de incendios dun lume no municipio de Ribas de Sil, na parroquia homónima, moi próxima a Rairos, a 6 de setembro de 2021, en Ribas de Sil, Lugo, Galicia (España). Este novo incendio, e. Rosa Veiga - Europa Press
Un helicóptero forestal traballa nas tarefas de extinción de incendios dun lume no municipio de Ribas de Sil, na parroquia homónima, moi próxima a Rairos, a 6 de setembro de 2021, en Ribas de Sil, Lugo, Galicia (España). Este novo incendio, e. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta