Mulleres emprendedoras de Colombia, Perú e Galicia tecen rede a través de varios encontros

Trátase dunha iniciativa desenvolvida da man da fundación Taller de Solidariedade e co apoio da Xunta de Galicia.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2022 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Mulleres emprendedoras galegas, colombianas e peruanas daranse cita ao longo da xeografía galega entre o 1 e o 10 de xuño, para intercambiar experiencias e construír a Rede Internacional de Emprendemento e Solidariedade. Fano da man da fundación galega Taller de Solidariedade (TdS), co apoio da Xunta de Galicia e do Concello de Lugo, no marco do programa de sensibilización e educación para a cidadanía global 'Enredadas no cambio', a favor da igualdade de xénero, o traballo e os medios de vida dignos como camiño cara a unha redución das desigualdades.

Ana Chillihuani Yapura, emprendedora turística en Cuzco, Perú
Ana Chillihuani Yapura, emprendedora turística en Cuzco, Perú | Fonte: Taller de Solidariedade

Así, entre os días 2 e 5 de xuño, emprendedoras peruanas estarán presentes nunha caseta do Salón Turístico de Galicia, que se celebra en Silleda. Neste foro darán a coñecer a Ruta Turística do Ausangate que puxo en marcha a asociación peruana CCAIJO, en colaboración con Taller de Solidariedade, Entreculturas e a Xunta de Galicia, unha iniciativa que "permite ás mulleres da zona mellorar a súa economía e sacar adiante ás súas familias", sinala Ana Chillihuani Yapura, emprendedora turística en Cuzco, Perú.

Xa o 7 de xuño realizarán un encontro en Arteixo coa fundadora do taller téxtil Claudina Romero, baseado na economía circular. Aquí, emprendedoras colombianas, peruanas e galegas falarán de como co seu traballo e iniciativas impactan nas súas realidades locais e da importancia da economía circular nos emprendementos. Ese mesmo día reuniranse coas Mulleres Colleiteiras na Coruña.

O 8 de xuño, ás doce e media da mañá, terá lugar no Politécnico de Lugo a presentación do estudo sobre emprendemento feminino realizado polo Taller de Solidariedade, que contará con emprendedoras latinoamericanas e lucenses, o alumnado de centros de formación profesional e representantes das autoridades locais. Pola tarde daranse cita tamén na Ulloa con emprendedoras rurais da comarca. Por último, o 9 de xuño haberá un encontro en Sober entre as emprendedoras e o alumnado do Centro Privado de Formación Profesional Específica BELARMINO.

Esta iniciativa busca "romper as barreiras xeográficas entre países e incidir nos retos existentes no emprendemento feminino", así como profundar en novos modelos de éxito e liderado, explica Taller de Solidariedade. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta