Reivindican a escena como "patria-refuxio" para as persoas desprazadas na entrega dos Premios María Casares

Un total de 14 espectáculos competirán polos galardóns durante a celebración que terá lugar este xoves no Teatro Rosalía de Castro.

Por E.P. | A CORUÑA | 31/05/2022 | Actualizada ás 15:22

Comparte esta noticia

A gala dos XXVI Premios de Teatro María Casares lembrará a figura da actriz no centenario do seu nacemento e reivindicará a escena como "patria-refuxio" para todas as persoas desprazadas polas guerras, os conflitos, as inxustizas ou a pobreza. Un total de 14 espectáculos competirán polos galardóns durante a celebración que terá lugar este xoves no Teatro Rosalía de Castro.

"É unha gala monotemática ao redor de María Casares, pero transcendendo a súa propia figura", explicou o director do evento, Carlos Álvarez-Ossorio, na presentación dos premios. No acto estivo acompañado polo primeiro tenente de alcadesa da Coruña, Juan Ignacio Borrego; o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Lois Penas; e a secretaria-tesoureira da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Arantza Villar.

Ossorio subliñou tamén a importancia que ten o exilio tanto na gala como na vida da actriz que lle dá nome aos galardóns e adiantou que durante o evento retratarase a traxectoria de Casares a través de catro etapas vitais: "a infancia, o exilio, a guerra e o teatro como patria".

Juan Ignacio Borrego, durante a súa intervención, fixo unha mención especial a Liño Braxe como "un dos impulsores destes premios", que na gala recibirá unha homenaxe coa concesión do Premio de Honra Marisa Soto.

Arantza Villar, pola súa banda, destacou que a edición deste ano ten unha "gran carga emotiva" para o sector porque recuperará a normalidade "sen restricións" tras a pandemia. Lembrou, ademais, que Fernando Dacosta lerá o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro.

FINALISTAS

Un total de 14 espectáculos son finalistas nalgunha das 14 categorías nas que se dividen os galardóns. 'Cigarreiras', obra de Contraproduccións e Teatro Romea, e 'Othello', de Voadora, contan con oito finalistas cada unha.

'A lúa vai encuberta', de Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, aspira a facerse con sete galardoes, mentres que 'Terceiro acto', obra do Centro Dramático Galego (CDG), opta a seis. Doutra banda, 'Quixote', de Pedras de Cartón; 'Comando comadres', de Matrioshka Teatro; e 'O Charco de Ulises', do CDG, rexistran dous finalistas.

Os seguintes espectáculos teñen un finalista: 'Serba me serbavo che', do CDG; 'Hugo', dos Náufragos Teatro; 'Cubo', de Elefante Elegante; 'A parábola do angazo', de Talía Teatro; 'Morgana en Esemelle', de Sarabela Teatro; 'Soga e Cinsa', de Aporía Escénica; e 'A Cazola de Lola', de Tanxarina.

Xosé Lois Penas, Juan Ignacio Borrego, Arantza Villar, Carlos Alvarez-Ossorio e Jacobo Sutil, durante a presentación da gala dos XXVI Premios de Teatro María Casares. AAAG
Xosé Lois Penas, Juan Ignacio Borrego, Arantza Villar, Carlos Alvarez-Ossorio e Jacobo Sutil, durante a presentación da gala dos XXVI Premios de Teatro María Casares. AAAG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta