O Plan de Mobilidade de Pontevedra propón tráfico restrinxido en todo o espazo urbano da cidade

O futuro da cidade a oito e dez anos pasa por tomar medidas equitativas que non prexudiquen á veciñanza, limitar tráficos innecesarios e continuar mantendo o estándar de alta calidade urbana, ademais de crear novos espazos de convivencia e participación, segundo o alcalde Fernández Lores.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2022 | Actualizada ás 16:40

Comparte esta noticia

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou este martes os obxectivos específicos e xenerais que integran o Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS), que está a piques de finalizar a súa redacción e que propón que todo o espazo urbano da cidade sexa unha zona de tráfico restrinxido.

O futuro da cidade a oito e dez anos pasa por tomar medidas equitativas que non prexudiquen á veciñanza, limitar tráficos innecesarios e continuar mantendo o estándar de alta calidade urbana, ademais de crear novos espazos de convivencia e participación, explicou.

Fernández Lores sinalou que este plan constitúe un documento que "permitirá mellorar a calidade da vida de todos e todas, tomando como base a mobilidade sustentable". O PMUS, segundo dixo o alcalde, representa un "traballo conxunto" entre a cidadanía e as administracións, co que aspiran "crear unha cidade integradora, de alta calidade ambiental, cun mellor espazo público e cun maior atractivo para vivir".

Como gran obxectivo xeral, todo o espazo urbano de Pontevedra pasará a ser unha zona de tráfico restrinxido; un fito que será conseguido ao reducir paulatinamente os tráficos excesivos, chegando a ter só o necesario para que a cidade funcione. Deste xeito, non será preciso cobrar por entrar na contorna urbana cun vehículo a motor e tampouco será necesario o uso de etiquetas nestes.

O alcalde asegurou que "Pontevedra é a única cidade que pode facer algo así, adaptarse tan ben a Lei de Transición Ecolóxica por esta vía concreta, a de reducir tráficos innecesarios e gañar espazo público para as persoas, á vez que todos construímos unha cidade integradora e de gran calidade ambiental".

No relativo aos obxectivos específicos, o alcalde tentou facer un breve resumo dos 34 inclúe que o futuro documento, resaltando a importancia de continuar e manter os cero mortos por atropelo na Boa Vila, cifra que permaneceu invariable en vías urbanas ao longo da última década, ao mesmo tempo que se aprecia unha baixada descendente no número de feridos por violencia viaria.

TRÁFICO PESADO

Outro punto específico céntrase na redución de tráfico pesado na avenida de Domingo Fontán, propiciada pola construción da Variante de Alba por parte da Xunta de Galicia.

Tamén inclúe a racionalización do tráfico a motor no viario paralelo ao río e a ría; adopción de medidas equitativas a hora de promover a mobilidade, aumentar cada ano un 1% a mobilidade peonil, con máis circuítos e novas medidas disuasorias; aumentar cada ano un 2 % a mobilidade ciclista; e "algo que me parece moi significativo" gañar cada ano 4.000 metros cadrados para estancia peonil ou compartida; reducir a contaminación acústica do tráfico; a mellora ambiental das marxes do Lérez, entre outros obxectivos.

O goberno local traballa no documento. "E neste momento imos facer a aprobación inicial", sinalou o alcalde, para poida exporse ao público "probablemente durante o mes de xuño".

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, durante unha entrevista con Europa Press, na Casa Consistorial, a 25 de maio de 2022, en Pontevedra, Galicia, (España).. Beatriz Ciscar - Europa Press
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, durante unha entrevista con Europa Press, na Casa Consistorial, a 25 de maio de 2022, en Pontevedra, Galicia, (España).. Beatriz Ciscar - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta