A recuperación de terras pode rebaixar os prezos agrarios e dos alimentos?

A produción agroalimentaria afronta unha suba de prezos en combustible e alimentación do gando. A apertura de terras en Galicia para a súa explotación agraria podería frear a escalada de prezos en penso e gran? De momento a Xunta creou a Lei de Recuperación de Terras Agrarias de Galicia, mais o temor de representantes agrarios é que non haxa orzamentos para a súa implementación e suceda algo semellante ao que aconteceu co Banco de Terras.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 02/06/2022 | Actualizada ás 14:33

Comparte esta noticia

A guerra en Ucraína trouxo canda ela unha crise materializada nos altos custos tanto en cereal como en combustible. Este é o elemento máis usado para explicar a suba xeralizada de prezos. Non obstante, no caso do sector agrogandeiro, os elementos que explicarían a suba de prezos van máis alá do conflito no leste de Europa. Así para as forzas sindicais, a situación é estrutural e non puntual e a mobilización de terras non é elemento abondo para a recuperación do sector se non vén acompañado dunha aposta orzamentaria decidida. Pola súa banda, a Consellería de Medio Rural sinala a Lei de Recueración de Terras Agrarias de Galicia como o mecanismo que permitirá mobilizar terreo abandonado e polo ao dispor de traballadores e traballadoras agrarias, ben “en arrendamento nas cesións, nas transmisións da titularidade das parcelas ou na xestión conxunta”.

Vacas. Gando bovino.
Vacas. Gando bovino.

MOBILIZAR TERRAS, UNHA SOLUCIÓN?

A mobilización de terras permitiría rebaixar os custes de produción agrarios? A resposta dos sindicatos agrarios sinala que non influiría en grande medida. “A produción de cereal ou abrir pasto para o gando sería positivo só de maneira individual, axudaría a quen ten unha explotación agroalimentaria, mais isto non tería unha repercusión moito máis alá” apunta Xavier Iglesias de UU.AA. “Reduciría en parte a dependencia das compras de pensos ou herba seca mais, insisto, de maneira individual”.

“Está demostrado que as explotacións con autoprodución reducen parte dos custes. Segundo estudos da Fundación Juana de Vega, o 56% do gasto dunha explotación vai para alimentar o gando en granxas de extensivo” di Isabel Vilalba do SLG. Por outra parte, Vilalba apunta tamén que a dependencia de pensos e outros alimentos é moito maior en explotacións intensivas. “Sempre se primou o interese de grupos económicos privados, isto permitiu a creación de negocios curtopracistas” coa venda de pensos e outros produtos ao sector agrogandeiro.

Indo ao número de hectáreas que se poderían recuperar, a Consellería de Medio Rural apunta que “segundo un estudo elaborado polas universidades de Santiago e Vigo, existen máis de 500.000 hectáreas de superficies abandonadas potencialmente mobilizables para cultivos ou prados”. Desde o departamento dirixido por José González, mobilizar esta superficie traduciríase en máis de 400 millóns de euros para o sector agrario e un Valor Engadidod Bruto (VEB) de 264,5 millóns, o que sería un aumento do 0,49% do PIB galego.

POR QUE NON HAI MOVEMENTO?

Actualmente a Lei de Recuperación de Terras Agrarias de Galicia “parécenos un proxecto ambicioso que se está aplicando lentamente, mais tamén se non conta cos orzamentos necesarios, todo quedará en papel mollado” razona Xavier Iglesias. Xunto con esta inciativa, Iglesias recorda que hai proxectos como as Aldeas Modelo ou o  proxecto de modificación da lei de montes en man común. “Existía e existe o proxecto do Banco de Terras que é un exemplo de que se non hai orzamentos os proxectos fracasan”.

Con todo, as fontes sindicais agrarias apuntan a falta de interese por parte do goberno da Xunta en aplicar as medidas do Banco de Terras. “Só se abre para presentar solicitudes durante unha época concreta do ano, mesmo hai xente que descoñece os procedementos e mesmo hai esperas de tres anos para ter unha resposta”, destaca Isabel Vilalba. “Non se divulgaron as posibilidades que ofrecía este Banco de Terras ao que nutriron con sobrantes de concentracións parcelarias”.

O Banco, creación do goberno bipartito (2005-2009) e que permitiría o arrendamento de terras a quen quixese continuar coa actividade agraria, Medio Rural responde que “canto ás facilidades para o arrendamento de parcelas, cómpre apuntar que a Lei de Recuperación impulsa e axiliza o Banco de Terras como instrumento de mediación nos arrendamentos, cesións ou alleamentos de fincas rústicas para a súa posta en valor”.

Medio Rural pretende mobilizar terras mediante unha lei que facilite o arrendamento de terras, recuperación de terreos improdutivos de cara ao aumento do VEB agrario. Pola súa parte, os sindicatos agrarios ven unha aplicación moi lenta de dita lei desde a Xunta de Galicia, aínda máis, temen unha redución de orzamentos para a súa aplicación. Á parte, consideran que non se deben priorizar intereses privados fronte o interese xeral en relación cos prezos tanto para a produción como para o consumo de alimentos. A guerra de Ucraína foi fatal, mais é un elemento puntual dentro dun problema estrutural, máis amplo para o sector agrogandeiro galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta