Estas son as actividades en Pontevedra para conmemorar o Día da Lingua de Signos

Chega a V edición do Concurso 'Xoga coas Manciñas', que este ano será, por primeira vez, de carácter autonómico para alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/06/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Baixo o lema 'En rede, a equidade depende de todos', a Organización de Diversidade Sensorial de Galicia 'Xoga' desenvolverá ao longo desta primeira quincena de agosto un diverso programa de actividades co gallo do Día Nacional das Linguas de Signos, que se conmemora o 14 de xuño.

Presentación do programa de actividades polo Día Nacional da Lingua de Signos en Pontevedra
Presentación do programa de actividades polo Día Nacional da Lingua de Signos en Pontevedra | Fonte: Concello de Pontevedra

As actividades, que se desenvolven en colaboración coa Concellería de Benestar Social de Pontevedra e a Deputación Provincial, procurarán "fomentar a integración, a inclusión, a información e a accesibilidade para acadar a ansiada equidade". Entre as accións deseñadas inclúense a V edición do Concurso 'Xoga coas Manciñas', que este ano será, por primeira vez, de carácter autonómico para alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria. Tamén se prevé a colocación dunha pancarta reivindicativa no balcón da Casa Consistorial, e a iluminación do propio Consistorio e do Pazo Provincial con luz de cor turquesa entre a noite do venres 10 e a mañá do mércores 15 de xuño.

Ademais, sortearase a través das redes sociais de Xoga unha praza gratuíta nun curso de 60 horas de Lingua de Signos de nivel A1 para maiores de 16 anos que vivan en Galicia e, como novidade, inaugurarase un espazo denominado Xoga Tik Tok, no que se colgarán vídeos con fragmentos en lingua de signos galega e castelá. 

O programa polo Día Nacional das Linguas de Signos foi presentado este xoves no Concello nun acto no que participaron o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey; a deputada provincial de Cohesión Social, Olga García Ballesteros; a presidenta de Xoga, María Jesús Monterde, e os membros do colectivo Pilar Iglesias e Rubén Redondo.

Monterde avoga "porque a Lingua de Signos sexa unha materia máis, como así o apoian os centros educativos, universidades e reitorados, e pola implementación da Lingua de Signos Galega". Tamén denuncia a "escaseza de profesionais intérpretes neste ámbito, posto que o grao existente está exclusivamente en Madrid. "É para nós moi importante que na Universidade de Vigo, sendo unha referencia a nivel estatal, haxa tamén a carreira de Interpretación de Lingua de Signos", demanda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta