O modelo de turismo postpandemia da Xunta: afondar no Camiño de Santiago

Sustentabilidade e uso do big data, claves no futuro do sector turístico das rexións europeas

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 03/06/2022 | Actualizada ás 13:42

Comparte esta noticia

Galicia eríxese como un exemplo do que busca o turismo no contexto posterior á pandemia, na que o viaxeiro aposta por destinos "pouco masificados" e o contacto coa natureza, algo que axunta o Camiño de Santiago. Así o reivindicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na súa intervención na mesa sobre os retos do turismo do presente e o futuro celebrada no marco do encontro do Comité Europeo das Rexións, reunido en Santiago desde o xoves.

"Galicia está de moda, queremos que se saiba e que moita xente nos visite", aseverou Rueda ao comezo da súa intervención, que pechou un acto que contou coa participación do delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; o conselleiro de Educación e Deporte da Xunta de Andalucía, José Manuel Cardenete, e a eurodeputada portuguesa Cláudia Monteiro de Aguiar.

Guiado pola presentadora dos servizos informativos da TVG Marta Darriba, a conferencia versou sobre os retos de futuro para o sector turístico, unha vez superada a pandemia de covid-19 pero coas incógnitas que sementa as consecuencias da guerra de Ucraína e o encarecemento das materias primas a nivel global.

Fonte inaugurada en Santiago de Compostela, no Camiño Inglés, dentro do proxecto Life Water Way
Fonte inaugurada en Santiago de Compostela, no Camiño Inglés, dentro do proxecto Life Water Way | Fonte: C0nchi Paz - Xunta de Galicia.

TURISMO "SUSTENTABLE"

Para os participantes na mesa celebrada no complexo da Cidade da Cultura que acolle desde o xoves a reunión do Comité Europeo das Rexións, as claves para o turismo pasan pola "sustentabilidade" e o traslado ás políticas públicas e privadas do big data.

"A xente quere volver viaxar, a saír. Pero a forma de viaxar cambiou", aseverou o mandatario galego, que incidiu en que existe un "novo modelo de turismo postcovid" no que "o Camiño de Santiago encaixa perfectamente", pois axunta contacto coa natureza, baixa "masificación" e descubrimento de patrimonio.

Estas son, para Alfonso Rueda, tres das claves para o viaxeiro despois dunha crise sanitaria na que o sector turístico foi un dos "máis afectados", o que levou á Xunta a pór "empeño" en dotalos de axudas económicas para que se "mantivese á boia" durante os meses nos que se paralizaron os desprazamentos por lecer.

E é que "se ao turismo en Galicia vaille ben, a Galicia iralle ben", aseverou o presidente galego, que avanzou que "previsiblemente" se alcanzará a 'compostela' número 100.000 ao longo deste fin de semana, o que revela a recuperación do turismo e, en especial, o Camiño de Santiago, xa que o pasado ano houbo que esperar a principios de agosto para chegar a esta cifra.

O CAMIÑO "FAI EUROPA"

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, reivindicou o peso do Camiño de Santiago na construción de Europa, á vez que destacou o "compromiso" da Administración central coas rutas xacobeas, ás que destinou nos dous últimos anos a "un investimento histórico de máis de 90 millóns de euros á promoción de Galicia e os plans de sustentabilidade".

"Se queren facer europa fagan o Camiño ou, dito doutra forma, se fan o Camiño saiban que están a facer Europa", aseverou Miñones.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta