A Fegamp e a Delegación do Goberno analizarán o mapa do transporte e piden colaboración das demais administracións

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, tamén aproveitou para advertir que "isto vai de mal en peor" e que a Xunta "ten competencias, obrigacións e deberes".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2022 | Actualizada ás 14:54

Comparte esta noticia

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, avanzou que se reunirá coa Delegación do Goberno para abordar a situación de plan de transportes e como afecta a Galicia, pero reclamou, ao mesmo tempo, colaboración entre todas as administracións para favorecer as comunicacións, inclusive á Xunta.

En declaracións aos medios antes de participar na inauguración dunhas xornadas organizadas xunto á UNED sobre a axenda 2030, o tamén rexedor de Vilagarcía comprometeu que a Fegamp "sempre vai tratar de dar resposta a calquera das inquietudes que teñan os concellos", sobre todo, engadiu, se se trata dos rurais.

"É a nosa preocupación, e por iso está pedida unha reunión coa Delegación do Goberno para analizar a situación; como sempre tratamos tamén de trasladar á Xunta, é que cremos que o plan de transportes non era o suficiente, tiña moitas carencias e é máis fácil chegar en tren Vilagarcía a Santiago que a Cambados ou A Illa", apuntou.

Alberto Varela manifestou que nesta cuestión "teñen que estar todas" as administracións: concellos, Xunta e Fegamp, e "ver que se pode facer. "Nós cremos no transporte público", defendeu.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, tamén aproveitou para advertir que "isto vai de mal en peor" e que a Xunta "ten competencias, obrigacións e deberes". "A min sorpréndeme moito esta Xunta, xamais leo (nas edicións dos xornais) unha proposta para mellorar a vida" da cidadanía, lamentou.

"CALADIÑOS"

Así, Silva salientou que o transporte metropolitano "é a súa competencia" e trouxo a colación que "cando pecharon todos os servizos bancarios no rural estiveron "caladiños".

A presidenta da Deputación de Pontevedra incidiu en que a "estratexia da Xunta é botar balóns fose" e dirixirse ao Goberno central. "Se non teñen competencias nin para dar respostas aos galegos, que se vaian e que deixen á xente, que estou segura de que hai xente neste territorio que ten ideas para o transporte, para a xestión da auga, para a xestión das políticas sociais", enumerou, antes de concluír que a actual "é unha Xunta inútil".

Alberto Varela, presidente da Fegamp, xunto á presidenta da Diptuación de Pontevedra, Carmela Silva. FEGAMP
Alberto Varela, presidente da Fegamp, xunto á presidenta da Diptuación de Pontevedra, Carmela Silva. FEGAMP | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta