Un barco con 18.000 toneladas de millo ucraíno chega este venres á Coruña

Outro cargamento de cereal, neste caso brasileiro, ten prevista a súa chegada o vindeiro domingo.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 09/06/2022 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

Un cargamento con 18.000 toneladas de millo ucraíno chegará este venres ao porto da Coruña a bordo do buque 'Alppila' no que supón o primeiro envío de cereal a través dunha nova ruta marítima aberta polo Báltico para sortear o bloqueo ao que a Armada rusa somete os portos ucraínos do Mar Negro desde que comezou a guerra.

O millo que se descargará mañá no peirao de San Diego para ser almacenado, e posteriormente enviado ás fábricas que elaboran o penso para o gando, foi transportado primeiro por estrada desde as fronteiras ucraínas con Romanía e Polonia ata o porto polaco de Swinoujscie, onde foi embarcado no cargueiro, que antes de partir cara a augas galegas fixo escala no porto alemán de Brunsbüttel.

"Son pequenos volumes de millo que se van sacando polas fronteiras do oeste de Ucraína en camións cara a Polonia e Romanía", explica Bruno Beade, director da Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac), que engade que estas 18.000 toneladas que o buque leva nas súas adegas serán "moi ben recibidas polos fabricantes de pensos" ante as fortes subidas das materias primas.

Outro cargamento de millo, neste caso brasileiro, ten prevista a súa chegada o vindeiro domingo, 12 de xuño, tamén ao porto da Coruña. Será a bordo do mercante 'Desert Symphony', que transporta 40.000 toneladas deste gran, o primeiro que recibe Galicia dese país este ano.

Un barco pesqueiro sae de porto para faenar. M. Dylan - Europa Press
Un barco pesqueiro sae de porto para faenar. M. Dylan - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta