Analise da turistificación... Están convivindo en harmonía turistas e residentes en Compostela?

O Xacobeo 2021-22 volve a traer cifras anteriores á pandemia. Os sectores que viven do turismo preregrino en Compostela recuperan dinamismo logo de dous anos nada bos. Con todo, hai sectores sociais que non comparten o modelo turístico actual na capital galega, sinalan falta de interese en ordenar a chegada de visitantes por parte das diferentes autoridades e de romper a convivencia dentro da cidade.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 12/06/2022 | Actualizada ás 22:30

Comparte esta noticia

Os datos económicos son unha cousa e a convivencia dentro do día a día é outra en relación ao turismo en Compostela. Por unha banda está o evidente beneficio para segmentos económicos como hostalaría, restauración, etc. Da outra parte están os veciños e veciñas das áreas máis turisticamente masificadas que din observar  comportamentos pouco respectuosos co patrimonio e coa propia veciñanza. En tal caso, pódese dicir que hai unha relación “tensa” entre visitantes e residentes? Hai fallos na xestión da afluencia de peregrinos?

Varias persoas nunha rúa do centro de Santiago de Compostela, a 31 de xullo de 2021, en Santiago de Compostela. César Arxina - Europa Press
Varias persoas nunha rúa do centro de Santiago de Compostela, a 31 de xullo de 2021, en Santiago de Compostela. César Arxina - Europa Press

XESTIÓN DA AFLUENCIA

“En 2018 un estudo do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade sinalaba que Compostela debía xestionar a afluencia de visitantes ou a cidade podía colapsar nese aspecto” di Roberto Almuíña da Asociación de Veciños Fonseca do Casco Histórico de Compostela. “Hai unha deixazón dentro da zona histórica onde se ve como as terrazas invadiron as rúas e como grupos de máis de vinte persoas entran ocupando todo o espazo dificultando a circulación”. Roberto Almuíña ten a sensación de que “o turismo expropiou a cidade” aos seus habitantes.

“A Asociación de veciños A Xuntanza do Barrio de San Pedro vemos que a interacción veciñanza-visitante é artificiosa ademais de ser case invasiva” di Montse Vilar da Asociación A Xuntanza. “Transmítese unha imaxe pastiche do Camiño cunhas visitas pouco cívicas que se apropian do espazo de convivencia como é a rúa”. No caso do barrio de San Pedro, Montse Vilar resalta que “o visitante non queda coa memoria do barrio” por ser un lugar de paso indo directamente ao centro histórico.

O concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo do Concello de Santiago, Gumersindo Guinarte, sinala: “a chegada de peregrinos á cidade pode causar algún tipo de distorsión á veciñanza, por iso estamos testando cales son aqueles aspectos que non gustan tanto á poboación”. O obxectivo, segundo o concelleiro de Turismo é “crear un Plan de Sustentabilidade Turística dentro dun Pacto Local por un Turismo Sustentable” que permita “implementar accións para amortecer o impacto do turismo sobre a vida local”.

O TURISTA MANDA?

“Santiago non vive do turismo exclusivamente. Os hospitais, a universidade, a Xunta, o Concello, os polígonos industriais e outros elementos son os que manteñen boa parte da poboación compostelá” analiza Roberto Almuíña. “O turismo só trae beneficios á hostalaría, ademais, non paga o IAE se os negocios facturan menos dun millón de euros ao ano e iso repercute negativamente”. A non recadación dalgúns impostos e taxas tradúcese, segundo Almuíña, en que “o incremento de consumo de auga no verán e outros insumos, ao final pagámolo nós, os residentes e a Xunta non quere nin falar dunha taxa turística”.

Por outra parte, o comportamento do turista ás veces convértese para as persoas residentes en problema de convivencia. “A Praza do Obradoiro parece unha praia e, aínda con avisos, os turistas arrímanse ás paredes ou ás portas de Raxoi”. Por outra parte, en San Pedro é frecuente que o comportamento sexa de “facemos o que queremos” segundo algúns veciños consultados cuxo maior reclamo é o respecto aos sinais que prohíben baixar en bicicleta. “É outra maneira de exercer un turismo invasivo nun barrio onde buscamos a convivencia e transformalo nun espazo amigable” apunta Montse Vila. “Ir en bicicleta por esta rúa é perigoso porque baixan en dirección contraria e ponse en perigo ás persoas”, incluíndo os propios ciclistas.

“Toda a Zona Histórica é peonil, hai quen quixera ver os dous modelos tanto ciclista como peonil no mesmo espazo como fan en diversas cidades europeas” resalta Gumersindo Guinarte. “Dentro do Pacto Local por un Turismo Sustentable queremos desenvolver estratexias de sensibilización ao turista para non alterar a vida cotiá das persoas residentes”. Por outra parte, Guinarte apunta á desestacionalización e a desconxestión de espazos como parte dunha mellora para facilitar a convivencia turista-residente.

A convivencia entre composteláns e turistas-peregrinos ás veces non é tan  idílica como se vende moitas veces. O temor de parte da cidadanía e ver que o turismo acabe desprazando totalmente fóra da cidade ás persoas residentes. A busca dunha relación equilibrada entre as persoas que chegan e as que moran todo o ano non é doada, de aí que haxa voces reclamando marcos legais para unha mellora das relacións entre uns e outros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Eduardo beiras

Totalmente certo,e inda mais.O Concello pasa de todo.Tasa turistica xa

2 Sentidiño

Na miña experiencia, os peregrinos estranxeiros son respectuosos, tranquilos e diurnos. Quen non deixan durmir son os indíxenas pasados de alcohol.

1 Edwar

Ou vi eres do gremio das tabernas,ou vives en Astorga.

1 Xuninho

O centro histórico de Compostela é un souvenir center con pelegríns en sandalias con calcetíns. E os arredores do centro histórico (San Roque, San Pedro, Virxe da Cerca...) cheo de apartamentos turísticos que encarece e enturbia a vida dos seus habitantes.