Un proxecto transnacional para conservar os hábitats de Cíes, Ons e Sálvora fronte ao cambio climático

Está coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2022 | Actualizada ás 18:03

Comparte esta noticia

Un proxecto transnacional, coordinado pola Univesidade de Santiago de Compostela, abordará traballos de conservación dos hábitats naturais das illas Cíes, Ons e Sálvora e a súa adaptación fronte aos efectos derivados do cambio climático. A actuación levarase a cabo a través do programa Life Insular, a cargo do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), e está dotado de 5,2 millóns de euros.

Ademais das actuacións previstas no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, contempla tamén intervencións na illa da Graciosa, do arquipélago canario, e no propio territorio insular de Irlanda.

O obxectivo deste programa, no que colaboran España e Irlanda, pasa por implementar e pór en marcha nos territorios afectados polo proxecto unha estratexia integrada de xestión sustentable dos hábitats integrados na Rede Natura 2000, co fin de avanzar na restauración das paisaxes naturais que presentan estas illas galegas fai medio século no marco desta iniciativa europea.

O Organismo Autónomo de Parques Nacionais (OAPN), Grupo Tragsa, xunto co departamento de vivenda, goberno local e Patrimonio de Irlanda e a compañía estatal irlandesa Coillte tamén figuran como socios beneficiarios do Life Insular, que recibe da UE, a través do programa, 3,95 millóns de euros. A Xunta achega 750.000 euros, dos que o 40 por cento se corresponden con gastos en investimentos.

A estratexia que desenvolverá o Life Insular para acometer a restauración integrada de dunas grises e matogueiras secas nas cinco illas atlánticas prevé ampliar a superficie cuberta mediante a eliminación de antigas plantacións forestais, así como a través da erradicación e control doutras especies exóticas invasoras.

Outros obxectivos son a mellora das perspectivas de futuro deste tipo de paisaxes nas illas, mediante a aplicación de medidas protectoras e de defensa fronte a presións antropoxénicas, ademais da sensibilización, formación e concienciación sobre a importancia dos valores naturais e dos servizos ecosistémicos que prestan este tipo de hábitats. Os resultados poderían ser aplicados, logo, noutros territorios europeos.

O director do Ibader, Pablo Ramil Rego, sinalou que este novo Life permitirá ao instituto de biodiversidade dar "continuidade" ao labor que desenvolve desde hai décadas a favor da conservación do medio natural.

Praia de Rodas, nas Illas Cíes. EUROPA PRESS - Arquivo
Praia de Rodas, nas Illas Cíes. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta