A armadora do Pitanxo asegura ter "o máximo interese" en coñecer as causas do naufraxio

Expón o seu "absoluto rexeitamento" ás "noticias" publicadas nas últimas xornadas e trata de acreditar ao xulgado que había traxes de supervivencia para os 24 mariñeiros.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/06/2022 | Actualizada ás 12:50

Comparte esta noticia

Pesquerías Nores Marín vén de remitir unha segunda nota de prensa dende o naufraxio do 'Villa de Pitanxo' na que expón o "absoluto rexeitamento" ás "noticias" publicadas nas últimas xornadas en relación co transcurso da investigación xudicial. 

Familiares dos tripulantes do buque pesqueiro 'Vila de Pitanxo' con base en Marín (Pontevedra) acoden á armadora do Grupo Nores para coñecer novidades sobre os desaparecidos tras o naufraxio en augas de Terranova (Canadá), a 17 de febreiro de 202. Beatriz Ciscar - Europa Press
Familiares dos tripulantes do buque pesqueiro 'Vila de Pitanxo' con base en Marín (Pontevedra) acoden á armadora do Grupo Nores para coñecer novidades sobre os desaparecidos tras o naufraxio en augas de Terranova (Canadá), a 17 de febreiro de 202. Beatriz Ciscar - Europa Press

"A armadora quere deixar constancia do seu máis absoluto rexeitamento co contido das publicacións, onde se realizan informacións inveraces, xa non só respecto do naufraxio senón do funcionamento da empresa armadora", recolle no comunicado. "Esta empresa ten o máximo interese en coñecer as causas do desgraciado naufraxio, e lamenta profundamente a información inveraz e nesgada de datos do proceso en curso", prosegue. 

Así mesmo, manifesta o "máis absoluto respecto" ao labor xudicial e do persoal técnico que está investigando o accidente do Pitanxo, que afundiu o pasado 15 de febreiro a 450 quilómetros da costa de Terranova (Canadá) e polo que faleceron 21 tripulantes. Pesquerías Nores asegura que "mantén absoluta colaboración" coa xustiza. 

O maxistrado do xulgado número 2 do alto tribunal, Ismael Moreno, admitiu a trámite as querelas dalgúns familiares dos mariñeiros falecidos, de maneira que Pesquerías Nores é tamén investigada nesta causa. En concreto, por catro presuntos delitos: homicidio por imprudencia grave, contra os dereitos dos traballadores, falsificación documental e encubrimento. 

TRATA DE ACREDITAR QUE HABÍA TRAXES DE SUPERVIVENCIA

Ante esta situación, a armadora vén de presentar ante o xulgado un escrito con documentación para tratar de acreditar que no barco había traxes de supervivencia para os 24 mariñeiros a bordo, a pesar de que na documentación do barco constaban só 22 taxes, que ía ser a cantidade de persoas que inicialmente ían embarcar.

Entre estes folios a armadora achega facturas que van desde o ano 2008 ata o 2021. Tamén enviou ao xulgado unha fotografía da tripulación con traxes de supervivencia, pero data de xullo de 2017 e non se corresponde cos mariñeiros que traballaban no Pitanxo na súa última marea.

Ademais, as mesmas fontes aseguran que "non cadra" as anotacións do diario de a bordo do patrón do barco, Juan Padín, coa declaración do terceiro sobrevivente, Samuel Kwesi. O primeiro deles di que si se realizou un simulacro de accidente no porto de Marín antes de partir cara a Canadá, mentres que o segundo asegura que nunca existiu tal simulacro.

FAMILIAS

Por todo iso, as familias dos 21 falecidos lamentaron que cos datos achegados "non queda en absoluto acreditada" a existencia dos traxes de supervivencia nin que levase a cabo o simulacro, obrigatorio por lei. En declaracións aos medios de comunicación, a portavoz dos familiares e filla dunha das vítimas, María José de Pazos, subliñou que "un albarán sen asinar" ou "unha foto de 2018", ao seu xuízo, "non acreditada nada".

"Seguimos pensando que non había traxes de supervivencia (para todos) e que non se fixo simulacro", engadiu De Pazos, que indicou que, de ser así, podería tratarse dun delito contra a saúde e a seguridade dos traballadores.

Este mesmo luns saíu á luz que o sobriño do patrón do 'Villa de Pitanxo' e un dos tres sobreviventes da traxedia, Eduardo Rial, lle dixo a outro dos seus compañeiros que logrou saír con vida, Samuel Kwesi, que "tivese coidado co que dicía ao chegar a terra". Así se desprendeu da declaración que realizou ante a unidade de Policía Xudicial da Garda Civil un dos mariñeiros do ‘Praia Menduiña 2’, o buque que rescatou os tres sobreviventes e varios corpos do Pitanxo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta