Musas para un 'lévedo lilá': o proxecto que procura "sementar" o feminismo na mocidade

'Muses' e 'Lévedo lilá' son dous proxectos irmáns coordinados por Xandobela Educación e Cultura.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2022 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

"Muses" é o nome dun proxecto Erasmus+ que procura a dinamización cultural con perspectiva de xénero entre o colectivo mozo. Dentro del, profesionais da educación e adolescentes de Portugal, Italia e Galicia experimentaron ao longo deste último ano a análise e a difusión da cultura e das artes cunha mirada feminista a través de múltiples técnicas, ferramentas e métodos. 

Mocidade no proxecto 'Muses'
Mocidade no proxecto 'Muses' | Fonte: Xandobela

Así, coordinado polo equipo educador Xandobela Educación e Cultura, un grupo mozo compostelán de entre 13 e 17 anos recibiu formación en materia de xénero a partir da que desenvolveron un mapeamento de inciativas feministas na esfera cultural e artística galega, é dicir, de 'Musas' que poden ser fonte de inspiración neste sentido.

Así mesmo, tamén recibiron formación en técnicas de realización de entrevistas e o seu rexistro e edición audiovisual, co obxectivo de elaborar unha pequena galería audiovisual con entrevistas a persoas creativas e artistas que traballan no ámbito cultural e das artes. Estas pezas, xunto coas desenvolvidas en Italia e Portugal, conforman agora unha galería de 15 videoentrevistas realizadas pola mocidade a 'Musas' identificadas en cadanseu país. "A través delas poden confrontarse prexuízos por razón de xénero e dar mostra da diversidade e riqueza do patrimonio cultural e artístico europeo", explican dende Xandobela.

Os grupos de cada país puxeron en común o traballo o pasado setembro en Mántova (Italia).    Froito deste proceso, o equipo educador elaborou unha guía didáctica para a dinamización cultural con perspectiva de xénero para adolescentes, cun compendio de actividades de libre disposición para ser utilizadas, replicadas e/ou adaptadas, así como tamén recomendacións pedagóxicas para traballadoras xuvenís arredor da intervención no eido da difusión do patrimonio cultural e da arte co colectivo mozo.

LÉVEDO LILÁ

Con estes obxectivos, desenvolveuse ademais o proxecto complementario ‘Lévedo Lilá’, subvencionado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña na convocatoria de proxectos singulares de especial interese cultural 2021. "Isto permitiunos transformar a galería audiovisual coas videoentrevistas a Musas galegas nunha exposición en formato físico composta por 6 paneis onde se presenta en cada un deles a unha das Musas entrevistadas xunto cun código QR", explica Xandobela.

Esta exposición itinerou por diversos espazos culturais da cidade coma o Museo do Pobo Galego, a Biblioteca Pública 'Ánxel Casal', a Casa de Mulleres 'Xohana Torres'; así como tamén por centros socioculturais e institutos de ensino secundario da contorna. Neste momento pode visitarse no Centro Xove da Almáciga, en Compostela.

A través dela, o equipo de Xandobela elaborou unha guía didáctica orientada a persoal educador tanto do ámbito formal coma non formal a modo de titorial para a identificación e visibilización de referentes culturais e sociais con enfoque feminista.  Como cúspide do proxecto 'Lévedo Lilá', programouse unha Biblioteca Vivente no Museo do Pobo Galego baixo o mesmo título, unha "novidosa actividade na que os libros son persoas e a lectura deles unha conversa para poder dialogar directamente con algúns destes referentes feministas da esfera cultural e artística", explican nun comunicado.

As accións realizadas ao abeiro do proxecto 'Muses', co complemento de 'Lévedo Lilá', pretenden "ser sementeira de lentes moradas para a mocidade, ferramenta necesaria para que poidan facer unha lectura crítica da sociedade, e da que se espera unha colleita feminista que contribúa a transformar a nosa realidade social", sentenzan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta