Rueda defende que o plus salarial a médicos "recoñece o esforzo", aínda que "non é a solución definitiva"

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública pide un plan "urxente e extraordinario" fronte a "un parche".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 16/06/2022 | Actualizada ás 15:46

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, admitiu que o complemento salarial aos facultativos que estenda a súa xornada e cubran ausencias doutros profesionais "non é a solución definitiva", pero defendeu que o que "busca é recoñecer o esforzo que teñen que facer os profesionais de atención primaria" nesas situacións en que os pacientes "teñen que seguir sendo atendidos".

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda | Fonte: David Cabezón - Xunta de Galicia.

Rueda apuntou que se trata dunha medida que se toma neste momento --a Xunta ofreceu un complemento de 10.000 euros-- pola situación que "se está producindo" e que, "con independencia da contía", que poida ser "discutida", non ten "mala acollida".

Dito isto, insistiu en que a "solución definitiva" é que "poida haber máis profesionais en atención primaria" para que non se produzan estas situacións. Así, volveu sinalar que se lles "impediu" a convocatoria extraordinaria de MIR para atención primaria, estar "a solucionar o problema", xunto coa creación da especialidade de urxencias --para evitar a marcha de médicos de primaria a estes servizos--.

"Ese é o tipo de solucións que garantirían unha estabilidade, mentres hai que tomar este tipo de medidas (o complemento) porque ese esforzo hai que compensalo e, sobre todo, para que poidan seguir facéndoo", esgrimiu.

Sobre como se prevé a tempada estival, co aumento de visitantes e as vacacións dos profesionais, Rueda conveu que "sempre é unha época do ano máis complicada que outros meses do ano", porque "todos teñen dereito ao descanso". "Pero non vai ser o primeiro verán nin moito menos e, desde logo, o Sergas tentou facer unha planificación para que todo discorra con normalidade", asegurou.

O mandatario galego aseverou que, con independencia das situacións que se darán agora estes meses, a Xunta "seguirá insistindo nas solucións de carácter estrutural" que "non dependen", polo menos "en exclusiva", do Goberno galego.

ASOCIACIÓN GALEGA DEFENSA

Pola súa banda, a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública rexeitou a proposta da Xunta. "En lugar de plans para incrementar profesionais, propoñen pagar máis aos poucos para que atendan a máis pacientes, pondo en risco a calidade da atención e a seguridade dos pacientes", advertiu a entidade, que esixe un "plan urxente e extraordinario" para "abordar o desmantelamento" da atención primaria.

Consideran a medida proposta "un parche", o cal supón "acabar coa atención integral de saúde" e unha "volta ao modelo de ambulatorios do pasado". Tamén lamentan que "se pretende utilizar o escaso persoal de Farmacia de Primaria para suplantar o persoal médico recentando fármacos en lugar de realizar o seu labor de asesoría, información, formación e apoio" en materia de prescrición.

Esta entidade tamén censura que se apoie "a idea de ofertar vivendas" en localidades turísticas, "coma se o problema fose a falta de casas en lugar de persoal".

A asociación reproba que a Xunta presidida por Rueda "siga o modelo de Feijóo, culpando da falta de persoal ao Goberno central en lugar da a súa política de recortes e á precariedade laboral".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta