Enrique Freire, especialista en dor: "A dor de regra está subestimada e adoita quitárselle importancia"

A dismenorrea é unha doenza que afecta moitas mulleres pero cuxa investigación está nunha fase aínda incipiente.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As baixas laborais de ata tres días por regras dolorosas e incapacitantes poñen no foco a realidade de moitas persoas que sofren cada mes esta doenza. A medida, recollida na lei do aborto aprobada polo Ministerio de Igualdade, permite a algunhas mulleres quedar na casa durante eses días nos que a menstruación incapacita para o desenvolvemento normal da vida e do traballo. E é que para moitas persoas non se trata só dunha dor puntual na zona adbominal, senón que vén acompañada de mareos, calambres, vómitos... Falamos con Enrique Freire, especialista en dor e anestesiólogo no Hospital Universitario da Coruña, sobre a dismenorrea, o nome técnico co que se coñecen estas dores. 

O anestesiólogo Enrique Freire
O anestesiólogo Enrique Freire | Fonte: remitida

Que é a dismenorrea e como se manifesta?

É unha dor de tipo agudo que se repite mensualmente e que está relacionada coas menstruacións. Afecta o abdome, a pelvis, e poden aparecer outros síntomas vinculados como cefaleas, náuseas, dor na parte baixa da espalda... 

Que é o que a provoca?

Os diferentes niveis hormonais que teñen as mulleres cando vén o período. Despréndese o texido do endometrio e iso provoca a dor. Son como pequenas contraccións no contexto dun ciclo inflamatorio onde participan moitas hormonas, sobre todo as prostaglandinas. Hai literatura que di que estas contraccións poden chegar a ser dúas ou tres veces maiores que as que se producen no parto. E estas contraccións, á súa vez, provocan que quede sen circulación parte do tecido do endometrio, e ese déficit de osíxeno ocasiona a isquemia, a falta de rego, que tamén é responsable da dor. Durante a menarquía e chegada a menopausia, o concepto de dismenorrea desaparece.

E en que momento debe consultarse ao médico unha dor de regra? Hai algún nivel de dor que entre dentro do normal?

A normalización das cousas está ben e está mal. Cando che vén a regra por primeira vez, iso merece unha consulta para ver que todo funciona nun contexto de normalidade. Logo, ademais dos controis regulares que marquen os especialistas, todo o que saia da normalidade debera consultarse. O problema é como o paciente sabe que algo é normal ou non. Haberá que consultar ao xinecólogo por primeira vez. Posiblemente serán despois os médicos de cabeceira, que son os que están máis preto dun, quen sigan o caso con regularidade.  

Di vostede que é unha doenza subestimada. Por que aínda poucas mulleres seguen procurando axuda médica para o seu tratamento?

Digo subestimada porque, como forma parte do cotiá, témolo normalizado e posiblemente por iso adoita quitárselle importancia. De aí que epidemioloxicamente non se saiba canta é a súa repercusión, a canta xente lle doe e en que grao. Non temos rexistro do que realmente pasa. A literatura di que presentan dor de regras entre o 16% e o 91% das mulleres. De onde saen estas cifras? Todo depende de moitas cousas: do lugar no que vivas, das escalas que se empreguen no estudo... Tamén inflúe un compoñente cultural e mesmo relixioso na nosa percepción da dor. Por iso tanta variabilidade. 

Entendo que isto tamén complica a investigación da doenza.

Sempre. Non hai por onde pechar, como poñer límites. Unha persoa pode dar un nivel determinado de dor como severo e outra persoa como normal. A subxectividade da dor é un problema que temos no eido da dor crónica, e é moi difícil facer estudos. As escalas aplícanse, pero sendo consciente de que estás cometendo erros case seguro.

Cales son as distintas opcións terapéuticas ante a dor de regra?

Principalmente antiinflamatorios. O que se desencadea fisiopatolóxicamente é un desaxuste hormonal na que entran en xogo mediadores inflamatorios, entón o que se busca é que nun intervalo de 12-24-72 horas non haxa un pico inflamatorio. Algunhas literaturas abogan por facer terapia preventiva e empezar a tomar antiinflamatorio antes de que veña a dor, pero isto só se pode facer se tes unhas regras moi fixas. Cando os antiinflamatorios non responden, óptase por descanso das ovulacións con regulacións hormonais. 

Pode ter algunha consecuencia a longo prazo estar tomando antiinflamatorios durante uns cantos días todos os meses? 

Os antiinflamatorios sempre presentan moitas advertencias porque teñen moitos efectos secundarios. A recomendación principal é non tomalos máis aló de 3, 5, 7 ou, como moito, 10 días seguidos. Canto menos, sempre mellor, sobre todo para a xente que teña patoloxías de base que poidan verse comprometidas polo feito de tomalos. En ciclos pequenos de tres, catro días son tolerables. Non vai pasar nada dentro dun contexto lóxico. 

Máis alá dos medicamentos, que se pode facer para reducir a dor?

Ás veces funciona o calor local porque aumenta o fluxo sanguíneo á área, e tamén o exercicio pode mellorar a intensidade da dor e a calidade de vida da paciente. Unhas tres veces á semana, media hora ou 40 minutos, para que teñas outro equilibrio no corpo. Cada persoa adáptase segundo a súa experiencia. Algunha xente tamén recomenda o aceite de onagra. Eu son da idea de que opten polo que mellor te faga sentir. Aínda que sexa por un compoñente placevo, se che axuda nun 30% ou 40%, pois marabilloso.

Ao ser un proceso inflamatorio, conviría pensar en tomar alimentos antiinflamatorios?

Si, se houbera algún tipo de dieta que se puidera facer que disminúa o carácter inflamatorio no sentido metabólico, perfecto. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta