O PPdeG acusa a Formoso de "pór en dúbida" a chegada de fondos europeos: "Non está á altura"

Prado asegurou que o socialista "comete un erro imperdoable" ao "antepoñer os intereses de Sánchez aos dos galegos".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2022 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, acusou o secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, de "poñer en dúbida" a chegada de fondos europeos a Galicia ao "dar por feito" que os proxectos da candidatura galega "poden quedar fóra da repartición", mentres o Goberno central "non para de anunciar iniciativas de millóns de euros para todas as comunidades". "A súa posición non está á altura dunha organización política que di defender Galicia", afirmou.

Prado asegurou que Formoso "comete un erro imperdoable" ao "antepoñer os intereses de Sánchez aos dos galegos". "Só trata de gañarse o soldo de secretario xeral do PSdeG, cando defende única e exclusivamente a Pedro Sánchez", criticou.

Así, a secretaria xeral dos populares galegos lamentou que Formoso "critique sen sequera ruborizarse" que o proxecto de Altri se instalase en Palas de Rei, en referencia a unhas declaracións do socialista nas que advertía á Xunta de que "non se pode xogar coa xente" antes de ter garantida a solvencia do proxecto.

Nesta mesma liña, afirmou que "non se entende" que Formoso "poña en dúbida" a solvencia do proxecto de fibras téxtiles no concello lucense cando, engadiu, "a propia ministra defendeu o proxecto como innovador e que cumpre con todos os criterios do plan de recuperación".

Ante isto, Prado asegurou que Formoso "está a tempo de rectificar" e "apoiar a posición de Galicia. Ademais, reivindicou que a Xunta non pide "un trato prioritario", senón "un trato xusto". "Non hai dereito a que o Goberno central vaia por outros sitios de España comprometendo unha chea de cousas e que a Galicia só lle diga 'xa veremos'", lamentou.

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, en rolda de prensa.. PPDEG - ANGELG
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, en rolda de prensa.. PPDEG - ANGELG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Xa veremos como remata a festa... Logo de 3 meses agardando o milagre da "excepción ibérica" pagamos aínda máis cara a electricidade que antes do anuncio... e semella que cos Fondos Europeos sucederá o mesmo: repartirán entre amiguetes e quedarán miles de millóns sen executar por falla de capacidade ! Os anuncios do Goberno son Fume ! https://planderecuperacion.gob.es/s...