O PP pide que o Goberno paralice o novo Real Decreto de rexistro de viaxeiros, "un obstáculo" para o turismo

"Esta situación supón non só unha sobrecarga de traballo para as empresas turísticas, senón que ademais son inaceptables os requirimientos de rexistro, responsabilidades e réxime sancionador estipulado", asegurou o deputado popular Borja Verea.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/06/2022 | Actualizada ás 20:14

Comparte esta noticia

Os populares rexistraron no Parlamento galego unha proposición non de lei pola que solicita ao Goberno central a paralización do Real Decreto 933/2021 de rexistro de viaxeiros, que incrementa de 10 a 50 os datos persoais dos clientes que deben recoller os aloxamentos turísticos.

"Esta situación supón non só unha sobrecarga de traballo para as empresas turísticas, senón que ademais son inaceptables os requirimientos de rexistro, responsabilidades e réxime sancionador estipulado", asegurou o deputado popular Borja Verea.

Nun comunicado os populares explican que o mencionado Real Decreto establece os deberes de rexistro documental e información das persoas físicas e xurídicas que exercen actividades de hospedaxe e aluguer de vehículos a motor. Na súa exposición de motivos, argumenta que a finalidade do mesmo é garantir a protección de seguridade cidadá recollida no artigo 104.1 da Constitución Española e posterior desenvolvemento da Lei Orgánica 4/2015 de protección da seguridade cidadá.

Respecto ao incremento na recollida de datos, Verea --nun encontro co presidente do Clúster Turismo de Galicia-- sinalou que se traduce ademais "nunha sobrecarga de traballo para os profesionais do sector, tempo extra para o check-in dos viaxeiros e a necesidade de implementar procedementos de seguridade na recollida e custodia de datos que non son de carácter turístico".

"Estamos ante un novo obstáculo do Goberno central ao desenvolvemento do sector turístico, que se ve obrigado a afrontar novos gastos engadidos tras a grave crise económica que sufriu, na que foi un dos máis prexudicados", incidiu.

Ante esta situación, instou ao Executivo central a que "se abra a estudar e acordar co sector turístico as posibles modificacións do mesmo, de maneira que se libere da sobrecarga de traballo que supón a súa aplicación".

Sesión de control ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, este mércores 15 de xuño no Parlamento
Sesión de control ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, este mércores 15 de xuño no Parlamento

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta