O BNG lanza a candidatura "con corazón" de Goretti Sanmartín para liderar Santiago

Pontón afirma que os cabeza de listas das distintas localidades de cara ás municipais coñeceranse "sen présa pero sen pausa".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/06/2022 | Actualizada ás 14:12

Comparte esta noticia

A portavoz municipal do BNG en Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, ratificou este martes que dá "un paso á fronte" e presentarase como candidata á Alcadía nas eleccións municipais de 2023. "Con corazón", como aparece no propio logotipo do lanzamento da candidata, a dirixente nacionalista aspira a "liderar" a capital galega para que "recobre o pulso" e "plantar cara" a todas as administracións co fin demandar as necesidades da cidade.

Presentación da candidatura de Goretti Sanmartín en Santiago de Compostela, xunto a Suso de Toro e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón
Presentación da candidatura de Goretti Sanmartín en Santiago de Compostela, xunto a Suso de Toro e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón | Fonte: Europa Press.

Goretti Sanmartín estivo acompañada do escritor Suso de Toro e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen remarcou que se trata dunha "gran candidata". "Unha cidade non pode estar parada, sen ilusión, necesítase un cambio, ter o corazón en Compostela e ter ideas de futuro", remarcou a dirixente nacionalista, quen dixo que Goretti Sanmartín reúne "as cualidades" para poder dirixir a cidade.

"Intelixente, con capacidade de reflexión e visión de futuro; unha persoa con entusiasmo e enerxía desbordante, o que se necesita sempre para proxectos de transformación; e unha persoa que sabe cales son as prioridades, o que é necesario para xestionar o futuro dos veciños de Santiago", dixo Ana Pontón da candidata.

Outra das cuestións nas que o BNG centrará o seu programa é a necesidade de que o Concello "traballe man a man" coa universidade, que sexa unha verdadeira "capital cultural europea" e en conseguir unha "Compostela feminista, de vangarda e loita contra o cambio climático".

Pontón destacou que o BNG conta "cunha persoa magnífica, que leva Compostela no corazón e que ten capacidade para pór en marcha un novo proxecto", o cal, á súa vez, "bebe" dos proxectos que o BNG desenvolve onde goberna. "Demostrará que vai ser unha gran alcaldesa se os veciños lle dan a oportunidade", salientou.

Este martes Goretti Sanmartín deu este "primeiro paso" sen que aínda se concreten máis nomes da candidatura que a acompañarán, aínda que Suso de Toro afirmou, na súa intervención, que a dirixente nacionalista está a impulsar xa "equipos de traballo" para a elaboración do programa electoral.

Sanmartín, que "non se pon límites" na consecución de resultados electorais e dixo aspirar a liderar a Alcaldía, declarouse unha "namorada de Santiago" do seu patrimonio, paisaxe, territorio e da xente".

Neste sentido, Goretti Sanmartín puxo o acento en que "a cantidade de recursos" que ten a capital, se son "ben xestionados", servirían para "dar un xiro de 180 graos e colocala na vangarda".

Por iso, defende colocar o patrimonio e a cultura como parte do PIB, a potencia turística, pero "de calidade", e recuperar o comercio local de proximidade, e devolverlle a mirada á universidade para "diversificar o tecido económico" compostelán.

Goretti Sanmartín puxo o exemplo doutras localidades onde goberna o BNG para expresar unha idea de cidade "para as mulleres, os nenos, para as persoas, para as persoas con diversidade funcional: unha cidade para todo o mundo".

Así as cousas, concluíu que é necesario un cambio, para o que ela dá un "paso á fronte", para que a capital galega "recobre o pulso, teña ambición, saia do letargo e use as súas potencialidades", fronte a unha cidade na que os santiagueses son tratados "como un estorbo" fronte ás persoas que chegan de fóra.

"Apostamos por traballar con orgullo de Compostela, temos o corazón en Compostela", salientou Sanmartín, dirixíndose aos "expulsados" da cidade e a outros colectivos como os migrantes. Sanmartín defendeu que é necesario un "goberno que lle plante cara a outras administracións para defender os intereses, por enriba de todo" da cidade e, por iso, proponse "dalo todo para que o BNG teña un resultado histórico e lidere o goberno da capital".

Pola súa banda, Suso de Toro expresou que Santiago de Compostela, sen ser capital de provincia, é "moito máis, a capital do que o BNG pretende que sexa unha nación moderna e europea". O escritor defendeu que o BNG é "unha organización moi ampla e forte" e destacou que Sanmartín "encarna esta nova xeración" que agora ten o reto de "recuperar de novo o nome de Santiago de Galicia como referencia mundial".

Coa presentación desta candidatura, Pontón xa acompañou a varios nomes do BNG cuxas caras xa son oficiais para presentarse á Alcaldía, como en días pasados a de Miguel Anxo Fernández Lores en Pontevedra ou Sandra González en Tomiño.

Preguntada por se ata o 25 de xullo, data simbólica para o BNG porque celebra o Día da Patria, Ana Pontón indicou que non se marcan obxectivos concretos de presentación de candidaturas coa mirada posta nesa efeméride, descartado que con seguridade estean presentadas para entón as das sete cidades.

"Estamos centrados na preparación das municipais, o reto é importante", dixo, pero "non imos apurar os prazos", agregou. "Non nos marcamos unha data, sen présa pero sen pausa, respectando os ritmos locais e desde a solidez", apostilou Pontón, quen preguntada por se considera que o BNG tocou teito, afirma que o que "tocou teito é o PP".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Rui do

El comunismo ortodoxo pervive en una esquina de Europa.