Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2022 | Actualizada ás 18:34
A Federación de Confrarías de Pescadores solicitou unha reunión co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, para trasladar a necesidade de que se adopten axudas directas ao gasóleo e así garantir a viabilidade das embarcacións pesqueiras.
A solicitude foi acordada este sábado na asemblea xeral da federación, cuxo presidente, Basilio Otero, trasladou que o paquete de medidas aprobado no Consello de Ministros extraordinario "non serven" para o sector, que precisa liñas "sostidas" ao prezo do litro do gasóleo.
En declaracións a Europa Press, o tamén patrón maior de Burela incidiu en que as embarcacións pesqueiras non poden seguir soportando un prezo superior a un euro o litro de gasóleo, no que se inclúe a bonificación de 20 céntimos que o Executivo estendeu este sábado ata final de ano.
Neste sentido, remarcou que "a viabilidade" para o sector está en prezos inferiores aos 70 céntimos por litro de gasóleo e que así o defenderán ante o ministro Planas, ao que dan dúas semanas de prazo para recibilos. "Necesitamos solucións inmediatas que sexan directas ao gasoil", remarcou Basilio Otero, que subliñou a necesidade de que o Goberno atenda as súas demandas de maneira "urxente".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.