Entidades LGTBI denuncian un auxe dos delitos de odio

Manifestaranse este martes na Coruña con motivo do Día do Orgullo e na semana do aniversario da morte de Samuel Luiz.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 27/06/2022 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

Entidades LGTBI denunciaron o auxe dos delitos de odio e reclamaron leis que garantan os dereitos deste colectivo, durante un encontro informativo promovido pola Asociación da Prensa da Coruña (APC). Nela, confirmouse tamén a convocatoria por parte de ALAS A Coruña dunha manifestación na cidade herculina. Será este martes con motivo do Día do Orgullo LGTBI e poucos días antes de que se cumpre un ano da morte de Samuel Luiz tras unha malleira por parte doutros mozos nas inmediacións do paseo marítimo coruñés.

Concentración de condena tras o asasinato de Samuel Luiz na Coruña
Concentración de condena tras o asasinato de Samuel Luiz na Coruña | Fonte: M. Dylan - Europa Press - Arquivo.

A mobilización farana, segundo apuntaron, para denunciar o aumento dos delitos de odio "esporeados por discursos contrarios aos dereitos humanos" e reclamar a aprobación a nivel estatal de lexislación que garanta os seus dereitos, "especialmente os das persoas trans, non binarias, menores ou refuxiadas".

Baixo o lema 'Fronte ao odio e a violencia. Visibilidade, Orgullo e Resistencia', entidades LGTBI, asociacións feministas, sindicatos e partidos políticos percorrerán, a partir das 19,30 horas, o tramo entre a praza de Ourense e María Pita, onde rematará a mobilización coa lectura dun manifesto.

"Está claro que hai un auxe dos discursos de odio", manifestou a presidenta de ALAS A Coruña, Ana García Fernández.

García explicou que "non se pode blanquear discursos que van directamente en contra dos dereitos humanos máis básicos e fundamentais por parte de organizacións e partidos en postos de poder lexislativo".

Respecto da lei Trans e de Dereitos de persoas LGTBI aprobada no Consello de Ministros, a presidenta incidiu en que "non son leis que dan privilexios sobre outra xente", senón que "dan dereitos e igualan" o colectivo ao resto da cidadanía.

Pola súa banda, o portavoz de Sex Point do Comité Antisida da Coruña, Rubén Alexandre, destacou a importancia de "traballar a linguaxe" e apelou "a toda a sociedade" para que "loite para erradicar todos os delitos de odio".

RECORDO A SAMUEL LUIZ

Neste sentido, os representantes do colectivo coincidiron en facer unha mención especial do asasinato de Samuel Luiz, o mozo coruñés que perdeu a vida tras unha brutal malleira o 3 de xullo do ano pasado.

Os asistentes ao acto pediron "respecto e intimidade" para familia e amigos no aniversario do seu falecemento e insistiron na necesidade de falar "doutras agresións que houbo ao longo do tempo".

A presidenta de ALAS A Coruña detallou que "nas seguintes semanas á morte de Samuel houbo 17 incidentes de odio, das cales 13 foron agresións".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta