O atletismo galego apaña éxitos no Campionato de España

Tres medallas, catorce finalistas e tres récords absolutos autonómicos, balance galego no nacional absoluto.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/06/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Un total de tres medallas individuais, unha nos relevos, tres récords de Galicia e catorce postos de finalistas é o balance total da representación galega que acudiu esta fin de semana no Campionato de España de Atletismo que se levou a cabo na localidade malagueña de Nerja.

Belén Toimil
Belén Toimil | Fonte: @atletismoRFEA

Así, a plusmarquista olímpica Belén Toimil confirmou no círculo de lanzamentos a súa hexemonía sobre o sector impoñéndose claramente cun mellor tiro de 17.80 metos, a máis de dous metros da segunda clasificada, e sumando un novo título ao seu palmarés.  O tamén olímpico e finalista mundial Adrian Ben deparou outra nova alegría para o atletismo galego logo de acadar unha meritoria medalla de prata sobre os 800 metros, ao remontar nunha expléndida última recta e ceder tan só ante o campión estatal Alvaro de Arriba.

A catro veces campioa de España absoluta Lidia Parada do Barbanza, logo da súa ausencia no nacional do ano pasado, volveu subir novamente ao podio grazas ao seu lanzamento de 53.29 metros que lle deron unha medalla de prata. Nesta mesma modalidade, a cubana afincada en Galicia Yulenmis Aguilar converteuse en protagonista ao lanzar ata os 64.17 metros, que a colocan no top mundial da xavelina. Pola súa banda, Paula Piñón, do A.F. Celta con 47.32 metros e Carmen Sánchez, do Unicaja Jaén, con 46.17 metros, lograban postos de finalistas na quinta e sexta posición respectivamente.

No resto de lanzamentos, a armada galega acadou importantes postos de finalistas nas distintas modalidades. Así no concurso de martelo feminino Irene Gómez lanzaba ata os 56.02 metros. Carlos Revuelta da Ximnástica era finalmente noveno con 60.14 metros e Blanca Pereira do Ourense Atletismo décima con 52.57 metros.

Nas probas de velocidade o máis destacado foi a gran actuación da bimedallista paralímpica e plusmarquista galega Adi Iglesias. Novamente a lucense do Lucus daba mostras da súa enorme calidade e logrou nas semifinais o récord de Galicia Absoluto. Nas finais quedou en sexta posición. Tamén en velocidade, Adrián Pérez marcou nas eliminatorias dos 100 metros un destacado crono de 10.56 malia que un pinchazo no adutor lle impediu tomar parte nas semifinais. 

Excelente comportamento igualmente dos especialistas galegos nas semifinais sobre os 400 metros. Se Pedro Juncal do Celta recortaba décimas ao crono con 47.39 que supoñen unha MMP, non menos destacada foi a marca lograda por Jacobo Soler con 47.56, quen logrou ademais a medalla de bronce do equipo navarro do Grupompleo Pamplona dos 4x400 m. No medio fondo destacou María Carballido do Atletismo Friol e Antía Castro do Ourense Atletismo; e nos 5.000 metros, importante representación galega de Carmela Cardama, Ester Navarrete e El Medhi El Naboaui.

No sector de marcha, Antía Chamosa rematou na cuarta posición, o que representa unha nova plusmarca galega absoluta. Na categoría masculina o tamén ximnástico Daniel Chamosa estableceu outro dos récords galegos absolutos. Por último, a internacional Carmen Escaríz do Ourense Atletismo, completou un excelente campionato no que remataba nun sexto lugar.

Nos valos destacaron David Vicente do Playas de Castellón e Santiago Rozas do Lucus. Na categoría femenina foi excelente comportamento tanto de Lucía Ferrer da Ximnástica como de Teresa Rodríguez do Riazor Coruña. No resto de actuacións, destacou a presenza da campioa de España do ano pasado Leticia Gil no foso de lonxitude.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta