Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2022 | Actualizada ás 15:13
O turismo de cruceiros está a crecer en Galicia, segundo apuntou a directora de Turismo, Nava Castro, no acto de presentación da XV edición dos Premios Excellence de Cruceiros, que se celebran este mércores na Coruña, no Teatro Rosalía.
Respecto deste tipo de turismo, o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, manifestou que esta cidade é "o primeiro porto en escalas de todo o arco atlántico-cantábrico" e remarcou que este ano baterá "a súa propia marca, con 150 escalas".
Fernández Prado destacou, ademais, que cada visitante de cruceiro gasta ao día na cidade "aproximadamente, 90 euros". Este ano calcula a chegada de "entre 150.000 e 200.000 pasaxeiros" e "unha cifra aproximada de 15 millóns de euros" investidos na Coruña.
Mentres, Nava Castro puxo en valor a importancia deste sector para Galicia e destacou a recuperación do turismo de cruceiros, que superou nun 16% a cifra previa á pandemia coa chegada "de máis de 78.000 persoas aos portos galegos".
No acto, estiveron acompañados pola directora xeral de Cruises News Media Group, Virginia López, quen aludiu ás consecuencias que a pandemia tivo no sector, e o primeiro tenente de alcaldesa do Concello da Coruña, Juan Ignacio Borrego, quen incidiu na importania de que o porto herculino sirva como "porta de entrada" para "un dos centros de peregrinación máis importantes do mundo como é Santiago de Compostela".
GALARDÓNS
A XV edición destes galardóns reunirá na Coruña a máis de 200 representantes da industria de cruceiros, entre os que se atopan executivos das compañías navieras, portos, industria auxiliar, servizos turísticos, axencias de viaxe, turoperadores, administracións, prensa especializada e usuarios de cruceiros.
Estes premios outorgan recoñecementos en 15 categorías, entre elas as do mellor porto español, mellor tripulación, entretemento, naviera, barco, gastronomía, itinerario ou axencia de viaxes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.