Veciñanza da Baña envía unha carta á Asociación Eólica de Galicia contra os proxectos na zona

O principal argumento esgrimido é a proximidade dos aeroxeradores ás casas, xa que "non gardarán unha distancia mínima de 1.000 metros con respecto aos núcleos habitados".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/07/2022 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

A asociación veciñal O Outeiro de Sanamede de Monte, na Baña, vén de remitir unha carta certificada á Asociación Eólica de Galicia para mostrar o seu rexeitamento a tres proxectos eólicos promovidos por Green Capital Power sobre as terras da parroquia. Así o decidiron, segundo explican, tralas "constantes declaracións do presidente da asociación de que as empresas membros non se implantarán sobre territorios onde concello e veciñanza se mostren contrarios aos proxectos". 

Veciñanza da Baña contra os parques eólicos
Veciñanza da Baña contra os parques eólicos | Fonte: arquivo

Tal e como recolle a veciñanza nun comunicado, as poligonais destes tres parques eólicos ocupan máis do 90% do seu terreo forestal, unha parte importante de terreo rústico de uso agrario, e superpóñense tamén a catro aldeas completas: Buchaín, Nantón, Sanamede e O Rucheiro.

O principal argumento esgrimido pola veciñanza é a proximidade dos aeroxeradores ás casas,  xa que "o seu fuste mide máis de 200 metros de altura e non gardarán unha distancia mínima de 1.000 metros con respecto aos núcleos habitados". A asociación tamén critica unha "fragmentación" dos proxectos que anula a fiabilidade das avaliacións ambientais, xa que "abordan soamente as afectacións de forma parcial e nunca se valoran as sinerxias acumuladas tanto polas instalacións completas dun parque como pola suma de todos os proxectos que forman parte dun macroparque fraccionado", explican.

Así mesmo, a veciñanza fai especial fincapé en que "a maioría desas propiedades están afectadas por un cambio de uso urbanístico, que hai unha impugnación de facto ao PXOM e que ese cambio de uso non ten prevista ningunha idemnización aos afectados". Sumado a todo isto, sinalan como especial elemento de conflito a custodia dos camiños públicos que serán expropiados e as ameazas as fontes e mananciais, xa que a parroquia non conta con traída pública de auga. 

IMPOSTOS AOS BENEFICIOS CAÍDOS DO CEO

Doutra banda, dende o Grupo da Alianza de Socialistas e Demócratas, o eurodeputado Nicolás González Casares vén de reclamar de novo medidas que fagan fronte á suba dos prezos da enerxía, entre as que figura a proposta de reconducir os beneficios extraordinarios. "Os impostos aos beneficios caídos do ceo son necesarios e xustos. A situacións extraordinarias, medidas extraordinarias. A beneficios extraordinarios, xustiza social”, demandou González Casares.

 

O socialista falou da necesidade de réximes fiscais útiles para os beneficios inesperados que mitiguen as consecuencias sociais e económicas do aumento dos prezos da enerxía, exacerbado pola guerra en Ucraína. "Se hai beneficios caídos do ceo é que algo falla no mercado. Se non podemos intervilo e reformalo xa nesta situación tan complexa, polo menos temos que evitar que o diñeiro de millóns de cidadáns que sofren a durísima suba de prezos se acumule nas mans dos mandatarios das enerxéticas", denunciou.

 

González Casares avogou pola redistribución dos beneficios extraordinarios de forma que compensen parcialmente as facturas máis elevadas das persoas consumidoras: “É unha cuestión de xustiza social urxente”. Ademais, o eurodeputado apuntou a necesidade dunha reforma estrutural do deseño do mercado eléctrico de forma que reflicta correctamente os baixos custos das enerxías renovables.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta