O Bono de aluguer social da Xunta para colectivos vulnerables poderá solicitarse a partir deste xoves

O bono concederase por un período de 12 meses consecutivos, aínda que poderán pedirse ata catro prórrogas. Deste xeito, os beneficiarios terán dereito a percibir esta axuda ao aluguer durante un total de cinco anos, como máximo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/07/2022 | Actualizada ás 17:09

Comparte esta noticia

O Bono de aluguer social da Xunta poderá solicitarse a partir deste xoves, día 14 de xullo, en Galicia tras a publicación este mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG) da resolución pola que se establecen as bases reguladoras destas axudas e procédese á súa convocatoria.

Deste xeito, a Xunta seguirá asumindo o 100% do importe do aluguer das persoas beneficiarias, colectivos vulnerables e persoas con escasos recursos económicos e que, por tanto, poden ter dificultade para manter a súa vivenda habitual.

A principal novidade recollida na resolución é que, por primeira vez, prevese a posibilidade de incrementar nun 20% a contía máxima da renda de aluguer e por tanto, do bono, cando a unidade de conviviencia do solicitante estea composta por cinco ou máis persoas. Tamén se aplicará leste mesma porcentaxe se un dos membros da unidade familiar necesita dunha vivenda adaptada.

Na práctica, a Xunta destacou que isto se traducirá en que a contía máxima do Bono de aluguer social incrementarase ata os 660 euros ao mes, fronte aos 540 fixados como contía límite das axudas na convocatoria anterior.

O bono concederase por un período de 12 meses consecutivos, aínda que poderán pedirse ata catro prórrogas. Deste xeito, os beneficiarios terán dereito a percibir esta axuda ao aluguer durante un total de cinco anos, como máximo.

A Xunta destacou que, cun orzamento inicial de 11,2 millóns de euros para todo o período, a convocatoria do bono de aluguer social faise de forma continuada e permanente ata 2026 ou ata esgotar o crédito dispoñible. Así mesmo, destinaranse 3,7 millóns ás prórrogas de concesións anteriores para garantir e atender a estes beneficiarios nas mesmas condicións que fixa o novo programa.

Deste xeito, o Executivo autonómico destacou que mobilizará a través desta medida case 15 millóns de euros para atender as necesidades residenciais de familias galegas vulnerables durante o próximos cinco anos.

Vivenda en aluguer
Vivenda en aluguer | Fonte: Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta