Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/07/2022 | Actualizada ás 19:13
O xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez, recoñeceu "falta de cobertura" na PAC de localidades como Bueu, O Grove ou Vilagarcía de Arousa.
Nun audio difundido aos medios, explicou que o pasado venres houbo "falta de cobertura" na PAC de Bueu, O Grove, Vilagarcía e Baltar. Ademais, sinalou que o sábado esta situación repetiuse nos centros sanitarios de Baltar e Bueu e produciuse tamén no centro de saúde da Parda, en Pontevedra.
Este domingo, destacou, a situación mellorou e, aínda que nun primeiro momento a xerencia da área tiña sen cubrir a noite na PAC de Vilagarcía de Arousa, Gómez asegurou que conseguiron cubrila cun médico de urxencias do Salnés.
Segundo afirmou o xerente da área, esta situación vén dada por "a non dispoñibilidade de médicos de familia" que coincide cun período de vacacións no que "unha parte do persoal está ausente".
Así, detallou, isto fai que, por exemplo, no PAC de Vilagarcía, de oito médicos hai dous dispoñibles; na Parda, de nove, hai catro; e en Bueu, O Grove e Caldas contan coa metade do persoal que se necesita "para dar un servizo adecuado".
Ante esta situación, José Ramón Gómez agradeceu ao 061 e a outras áreas sanitarias que "médicos dos seus ámbitos" colaborasen na cobertura de "determinadas quendas" sen cubrir.
SITUACIÓN NOS HOSPITAIS
En todo caso, o xerente asegurou que o impacto desta falta de cobertura durante o fin de semana "non tivo demasiado impacto nas urxencias do hospital".
Neste sentido, Gómez detallou que no Salnés, o venres atendéronse 181 pacientes, "aproximadamente uns 40 máis da media diaria", mentres que o sábado atendéronse 144, o que definiu como "unha situación practicamente normalizada".
En urxencias do Hospital de Montecelo, indicou que nos últimos días atendíanse sobre 190 pacientes diarios e este sábado prestouse atención a 223 persoas. "Estamos ao redor de 25-30 pacientes de máis por mor das incidencias da PAC", recoñeceu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.