O capitán do 'Pitanxo' afirma que Kwesi "mente" e asegura que os mariñeiros non lle pediron soltar o aparello

Afirma que no momento no que a rede se enganchou no fondo do mar, tanto el como Samuel Kwesi estaban a durmir.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/07/2022 | Actualizada ás 19:50

Comparte esta noticia

Juan Padín, o patrón do pesqueiro galego 'Villa de Pitanxo', que se afundiu o pasado 15 de febreiro a 450 quilómetros de Terranova (Canadá), contradixo o outro dos tres sobreviventes á traxedia, Samuel Kwesi, asegurando que os mariñeiros do buque "nunca" lle pediron que soltase o aparello para evitar que se afundise o barco.

O patrón do ?Vila de Pitanxo', Juan Padín (i-morado), e o seu sobriño, Eduardo Rial (c-branco).. Jesús Hellín - Europa Press
O patrón do ?Vila de Pitanxo', Juan Padín (i-morado), e o seu sobriño, Eduardo Rial (c-branco).. Jesús Hellín - Europa Press | Fonte: Europa Press

Así o sinalou o pasado 6 de xuño na súa declaración ante a Audiencia Nacional. Durante case dúas horas, nas que conservou unha actitude tranquila e sen mostrar síntomas de nerviosismo, o capitán mantivo a súa versión, subliñando que o motor do barco sufriu unha parada repentina durante a recollida do aparello (as redes que estaban a capturar peixe), o que provocou o afundimento ao quedar o barco á deriva.

Neste sentido, asegurou que Kwesi "mente" ao dicir que a causa do accidente foi un embarre do aparello ao fondo do mar, o que segundo el produciría unha escora do buque e a entrada de auga e que posteriormente se pararía o motor. Para desmentir as palabras de Samuel, Padín explicou que si se engancharon as redes no fondo (ocorre de forma habitual nas mareas), pero que foi unha hora e media antes do naufraxio, momento no cal tanto el como os mariñeiros estaban a durmir.

Nese instante, o que estaba encargado do barco chamouno levantar e Padín foi tratar de liberar as redes. Este proceso duraría algo máis dunha hora e acabaría uns 15-20 minutos antes de que afundise o barco, segundo a declaración de Padín.

Para corroborar a súa versión, o capitán mostrou como no sinal de localización que o barco envía a terra cada certos minutos vese como xusto antes do último sinal, o buque si estaba en movemento, o cal non podería ocorrer se o 'Villa de Pitanxo' estivese ancorado ao fondo do mar.

Preguntado sobre a versión diferente que conta Samuel, Padín indicou que o mariñeiro escoitou a existencia do embarre cando el llo comentou ao capitán do 'Praia Menduiña II`, o pesqueiro que os rescatou. A partir de aí, considera que Kwesi quedou "obcecado" co enganche das redes no fondo do mar e comezou a crer que esa foi a causa do naufraxio.

Ademais, durante a súa declaración, na que só respondeu a preguntas do fiscal, do seu avogado e do avogado da armadora, Padín tamén dixo que tratou de explicarlle a Samuel que o que el escoitara entendérao mal, xa que no momento do embarre ambos estaban a durmir, sempre segundo a versión de Padín.

SIMULACRO DE EMERXENCIA

Outro dos temas controvertidos da declaración de Padín foi o simulacro de emerxencia que teñen que realizar os mariñeiros antes de saír ao mar. Segundo Samuel, este nunca se realizou no 'Villa de Pitanxo', mentres que o capitán defendeu que si se fixo. 

Tamén explicou que un mariñeiro nunca chegou a embarcar porque deu positivo por covid un día antes, mentres que durante a travesía, dous dos pescadores resultaron contaxiados, e despois catro persoas máis, polo que desde Madrid dixeorn que non se illasen porque esta circunstancia xa se deu en varios buques e ao final a maioría contaxiábase.

Segundo Padín, de todos os que estaban contaxiados só dous tiveron síntomas leves algún día, como dor de cabeza e garganta, polo que non traballaron ata que se atoparon ben.

O pesqueiro galego 'Villa de Pitanxo' afundiuse o pasado 15 de febreiro a 450 quilómetros de Terranova (Canadá), acabando coa vida de 21 das 24 persoas que viaxaban a bordo do barco.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta