A CIG denuncia recortes de profesorado "en todos os niveis" que limitarán a oferta educativa

"Peche de aulas ou agrupamentos doutras e redución de apoios ao diminuír o número de unidades son a tónica xeral por todo o país, especialmente zonas rurais, aínda que tamén en cidades", apuntan.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/07/2022 | Actualizada ás 18:08

Comparte esta noticia

A CIG denunciou este mércores nun comunicado unha "cadea de supresións de profesorado" que "se estende por todos os niveis" e na "maioría dos centros", e que provocará unha "redución da oferta educativa", entre outros efectos negativos.

No que se refire ao persoal, explicou a CIG, o "continuo goteo de supresións" vai implicar "unha redución aínda maior das prazas" do curso actual, o que o sindicato considera "o camiño contrario ao que necesita o ensino público", que pasa pola "redución de cocientes" e o incremento do persoal.

Así mesmo, dentro da programación de Educación, chamaron a atención sobre o efecto que esta redución vai ter no CIFP Fermín Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa, no que arrinca o novo ciclo medio de Atención a Persoas en Situación de Dependencia "sen ningún profesorado da especialidade debido á decisión de reducir a cota de profesorado do centro".

Así mesmo, engade a CIG, "os recortes tamén implican a transformación da oferta común en modular, como sucede, entre outros, no IES de Xove, cunha medida que supón manterse na deriva de reducir a oferta de FP nas localidades externas ás cidades", denuncian.

EDUCACIÓN INFANTIL

Para o sindicato, o nivel educativo no que esta medida terá máis efecto é o de Educación Infantil. "Peche de aulas ou agrupamentos doutras e redución de apoios ao diminuír o número de unidades son a tónica xeral por todo o país, especialmente zonas rurais, aínda que tamén en cidades", apuntan.

Outro dos efectos que denuncian desde a CIG é a "imposibilidade de impartir materias optativas nas que previamente houbese unha matrícula mínima garantida", tal e como ocorre no IES do Sar en Santiago, no que "a redución dun docente implica que non poderán ofertar dous niveis de Portugués, cando existía demanda máis que suficiente do alumnado".

VACACIÓNS

Por outra banda, o comité de empresa da xefatura provincial de Política Social en Ourense denunciou este mércores a intención de "deixar ao seu persoal sen vacacións" de verán, xa que, "a día de hoxe, non hai persoal nas listas de contratación" das categorías de enfermaría e técnico en coidados auxiliares de enfermaría para facer as substitucións.

Esta circunstancia, explica o comité, "vén agravada polo final de contrato de persoal en acumulación de tarefas a finais deste mes de xullo", uns traballadores que "son imprescindibles para o bo funcionamento das residencias de maiores, pero que a Xefatura Territorial se nega a prorrogar".

"Desde o Comité de Empresa queremos lembrar que as vacacións están pedidas desde o mes de marzo, polo que de ningún modo ten xustificación dicir que á altura do mes de xullo non se atopa persoal de substitución, cando tiveron 5 meses para xestionalo e non o fixeron", aseguran.

Crianzas nunha escola infantil. ANA VARELA - Arquivo
Crianzas nunha escola infantil. ANA VARELA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta